CONSORCIO

Aberto o prazo de inscrición para que os coros galegos participen no concerto participativo coa Real Filharmonía de Galicia

06/09/2023 As agrupacións que o desexen poderán anotarse ata o día 15 para a actuación que terá lugar o 21 de decembro no Auditorio de Galicia.

A Real Filharmonía de Galicia celebrará o vindeiro 21 de decembro no Auditorio de Galicia, dentro da súa temporada Migracións, un concerto participativo que levará por nome 'CANTAMOS!' no cal poderán cantar coros galegos.

Para poder participar, os coros interesados poderán inscribirse no proxecto desde este mércores, día 6, ata o venres, 15 de setembro. Para facelo terán que cubrir unha ficha e enviala ao correo electrónico info@rfgalicia.org. Dito formulario está dispoñible na web da orquestra, rfgalicia.org.

O galego Javier Fajardo será o director nun espectáculo no que o coro Orfeón Terra a Nosa actuará como coro de escenario. No programa do concerto interpretarase a Misa na Honra do Apóstolo Santiago do compositor Juan Montes e a panxoliña Merry Christmas Beethoven, de Juan Durán.

Entre os coros inscritos farase unha selección atendendo ao equilibrio das cordas de cada coro e a súa traxectoria. Esta escolla será anunciada o 18 de setembro e terá un máximo de 120 coristas. Previamente ao concerto participativo estableceranse tres ensaios dirixidos polo director Javier Fajardo o 5 de novembro e 17 e 20 de decembro.

Compartir: