ALCALDÍA

Xuntanza do goberno coa Asociación veciñal Coto da Nai de Aríns

02/09/2023 A alcaldesa, Goretti Sanmartín, acompañada pola concelleira de Medio Rural e Relacións Veciñais, Pilar Lueiro, e polos concelleiros de Vías e Obras e de Mobilidade, Xesús Domínguez e Xan Duro, mantivo unha xuntanza esta semana cos representantes da Asociación veciñal Coto da Nai de Aríns, José Cebey, Lucía Segundo e Castor Pereira.

Este encontro, que forma parte da rolda de contactos do equipo de goberno con representantes veciñais de todo o termo municipal, serviu para poñer enriba da mesa as demandas e reivindicacións da veciñanza de Aríns e que afectan, principalmente, a cuestións relacionadas coa limpeza e mantemento do viario público e de equipamentos veciñais.

Así, formularon cuestións relacionadas con obras de saneamento e de reposición de reposición de firme en diversos lugares da parroquia que desde o goberno se lles informou que parte delas xa están incluídas na planificación do Concello a realizar nos vindeiros meses.

Desde a asociación veciñal tamén se solicitou unha marquesiña para a rapazada que usa o transporte escolar, o mantemento da senda que transcorre pola beira do río, a renovación de luminarias, e intervencións relacionadas coa seguranza viaria e coa creación de camiños peonís e beirarrúas, cuestións que o goberno estudará de cara a analizar a súa viabilidade.

Compartir: