PROMOCIÓN ECONÓMICA

Un novo programa favorecerá a inserción laboral en Compostela dos alumnos con mellores expedientes universitarios

09/05/2007 O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, acompañado do vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Santiago, Lourenzo Fernández Prieto, e do presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, Jesús Chenel Noya presentou o Programa de formación e prácticas en empresas para alumnas/os de excelencia académica da USC.

O programa é froito do traballo realizado na Rede de Cooperación Local e das conclusións das Roldas de Traballo desenvolvidas polos distintos axentes que participan na mesma. Está previsto que o programa leve o nome de Manuel Caeiro, o anterior presidente da Confederación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre.

A iniciativa conta cun orzamento de 60.000 euros, é a primeira deste tipo que xorde en Santiago. Permite fomentar especificamente a realización de prácticas en empresas cos estudos de posgrao. O seu obxectivo é aproveitar o potencial dos alumnos con mellores expedientes académicos da USC, favorecendo a súa inserción laboral e evitando así a súa saída do concello compostelán.

Dúas convocatorias

O programa contempla a apertura de dúas convocatorias: a primeira para as empresas e a segunda para os alumnos da USC. Na primeira convocatoria de axudas ás empresas, estas presentan os seus proxectos. En base á resolución da mesma, ábrese unha segunda convocatoria na que se ofertan as prazas para os/as alumnos/as de excelencia académica.

A contía da subvención para as empresas será de 12.000 euros por praza ofertada. O prazo de presentación de solicitudes das mesmas rematará o 16 de xuño do 2007.

A instrución do procedemento para elixir os alumnos beneficiarios levarase a cabo pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego. Os criterios de selección realizarase en base ao expediente académico. Na puntuación tamén se terá en conta a proximidade temporal na obtención da titulación, a formación complementaria, a experiencia profesional e os idiomas. Unha vez seleccionados terá lugar unha entrevista persoal.

Compartir: