BENESTAR SOCIAL

Avanzan segundo o previsto as obras na nova sede de Benestar Social

08/05/2007 Seguen a bo ritmo as obras de construción do que será o novo edificio que albergará as dependencias de Benestar Social e Muller. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou esta tarde o complexo, acompañado da concelleira de Benestar Social, Muller e UMAD, Adelaida Negreira.

O novo edificio, que estará en funcionamento proximamente, consta de planta baixa e un primeiro. Cada andar divídese á súa vez en dúas partes, segundo o departamento. Na pranta baixa, de 438 metros cadrados útiles, ubicarase un hall, unha sala de espera, sete despachos de Servizos Sociais e catro de muller, e unha sala de xuntanzas.

Na primeira planta, de 384 metros cadrados útiles, construirase sendas bibliotecas, ademais doutros seis despachos para Servizos Sociais e outros cinco despachos para Muller. A obra contou cun orzamento total de 923.000 euros.

Coa construción desta nova sede para Benestar Social e Muller e a da Casa das Asociacións de Servizos Sociais en Salgueiriños, tamén en proceso, o Concello dá resposta á crecente demanda das prestacións sociais ofrecidas por estes departamentos e cada vez máis requeridas polos cidadáns. O obxectivo é achegar estes servizos cada vez máis aos veciños de Compostela, e nesa liña tamén está a atención e o asesoramento que se presta nos principais centros socioculturais da cidade, ou a caseta cedida ás entidades de acción social na Praza de Galicia.

Compartir: