TURISMO

Medra cinco puntos a ocupación hoteleira e aumentan nun 16% as pernoctacións de abril

08/05/2007 As cifras subministradas pola Asociación de Hostalería de Santiago indican que a ocupación hoteleira de abril do 2007 supera en cinco puntos porcentuais ao do ano 2006. Ademais, as 86.610 pernoctacións neste período representan 11.909 noites máis que no mesmo mes do 2006.

A media de 57,74% de ocupación hoteleira do mes de abril é 5 puntos porcentuais maior ca do mesmo mes do 2006, estabelecida nun 52,80%. Para o concelleiro de Turismo, Francisco Candela, "a ocupación de abril achégase á do Ano Santo, que foi do 62%, aínda contando a cidade con preto de 1.500 prazas hoteleiras máis que no 2004".

"Este resultado consolida a tendencia ao crecemento das taxas de ocupación, comprobable en todos os meses do 2007’, sinalou Candela. Turismo de Santiago cifra nun 15,9% o crecemento das pernoctacións de abril, que pasaron das 74.701 rexistradas nese mes do 2006 ás 86.610 do 2007, cunha ganancia de 11.909 noites para os estabelecementos hoteleiros da cidade.

Consultas nas oficinas municipais de turismo

En abril atendéronse nas oficinas de turismo municipais 15.906 consultas presenciais, un 2% menos que no mesmo período do ano anterior, pero un 107% máis que no 2005.

As 7.537 consultas de visitantes estranxeiros medran un 10% sobre abril do 2006, e representan o 47,4% do total. As 8.369 consultas de nacionais, en cambio, baixan un 11,9% respecto ao 2005, "debido á redución do turismo catalán nun 33% e do valenciano nun 50%", indicou Candela. Medra en cambio o turismo vasco nun 17%, e o de Madrid, o principal emisor, mantense no primeiro lugar cun 22% do total das consultas nacionais.

Por orixe das consultas de estranxeiros, o Reino Unido sitúase no primeiro lugar, cun aumento de máis do 61% sobre abril do 2005, seguido por Francia, Alemaña e Italia.

Medra espectacularmente a presenza de irlandeses (209%), grazas á posta en marcha do voo directo Dublín-Santiago de Aer Lingus, e baixa o turismo portugués nun 50%.

Páxina web

A páxina web de Turismo de Santiago, www.santiagoturismo.com, alcanzou en abril do 2007 66.302 consultas, un 22,9% máis que no mesmo período do ano anterior.

A xuízo de Candela, e en vista das 66.302 consultas acumuladas do 2007, "a web amosa unha tendencia xeneralizada do turismo, que é a de substituír a consulta presencial polo acceso ás fontes de información globais e dixitais".

Compartir: