PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica destina 40.000 euros a incentivar a creación de novas empresas en Santiago

08/05/2007 A Concellaría de Promoción Económica destina 40.000 euros a Incentivos para a creación de novas empresas en Santiago de Compostela, incluídos no programa Compostela Activa 2007. Este ano as axudas destinadas a novas empresas increméntanse un 33%, pasando dos 30.000 euros do 2006, dos que se beneficiaron 29 firmas, a 40.000 euros. O obxectivo destas subvencións é axudar economicamente aos novos proxectos empresariais ou novos autónomos a consolidar os seus negocios. Subvencionaranse cun máximo de 2.000 euros os gastos considerados como correntes ou/e de primeiro establecemento.

Poden beneficiarse destas axudas as persoas físicas ou xurídicas que iniciaran a actividade entre o 1 de outubro do 2006 e o 31 de agosto do 2007 e que teñan a súa sede social, fiscal e de actividade no Concello de Santiago. A efectos do programa enténdese como data de inicio de actividade aquela na que a/o solicitante cause alta no IAE ou no censo de obrigados tributarios.

Cada proxecto empresarial poderá beneficiarse de 2.000 euros. Terán a consideración de gastos subvencionables os considerados como correntes e de primeiro establecemento realizados entre o 1 de xaneiro e o 31 de agosto de 2007 nos seguintes conceptos: existencias iniciais de mercadoría, gastos de arrendamento de locais e/ou equipos, primas de seguros, abastecementos e gastos correntes e gastos de formalización de constitución da sociedade. O importe da axuda non poderá ser empregado con outros fins.

A contía da axuda poderá acadar o 100% dos gastos subvencionables. O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de agosto do 2007. A documentación dirixiráse á Oficina de Promoción Económica. As bases pódense consultar no BOP da provincia de A Coruña do 12 de marzo do 2007 e na web www.maiscompostela.org.

Compartir: