BENESTAR SOCIAL

O Concello colaborará con Abagal e TP-Galicia en varios programas relacionados cos trastornos da alimentación e da personalidade

08/05/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, vén de asinar dous convenios de colaboración cos presidentes das asociacións Abagal (Asociación de Bulimia e Anorexia de Galicia), María Flora Cajide, e de TP-Galicia (Asociación Galega para a Asistencia e Investigación dos trastornos da personalidade), Germán Medina Sánchez.

Con Abagal, o Concello compostelán comprométese a colaborar no desenvolvemento dos seguintes programas: grupos de autoaxuda; prevención sobre trastornos de conduta alimentaria; información, asesoramento, apoio e axuda a pacientes e familiares afectados por trastornos de conduta alimentaria; charlas informativas e formativas para pais, nais e profesionais dos servizos sociais e da educación. Para este cometido, a entidade municipal realiza unha achega de 2.500 euros.

Os grupos de autoaxuda concíbense como resposta á necesidade de innovar e crear medidas activas para apoiar ás nais e pais con fillos/as que sofren anorexia nerviosa (AN) ou bulimia nerviosa (BN), e por medio deles os afectados comparten unha experiencia común e reciben apoio emocional.

Abagal tamén incide especialmente na prevención escolar dos trastornos da conduta alimentaria, actuando sobre os factores de risco e de protección, traballando o autoconcepto e a autoimaxe, dando a coñecer o significado da autoestima e fomentando a capacidade crítica. A Asociación tamén pon a disposición de pacientes e familiares afectados un psicólogo e unha traballadora social de luns a venres en horario de mañá e tarde.

Respecto a TP-Galicia, o convenio establece os termos de colaboración nos programas de intervención psicosocial para persoas con trastorno da personalidade, no de intervención psicoeducativa para familiares e nas campañas de difusión e comunicación de actividades e sensibilización. O Concello achegará tamén neste caso 2.500 euros.

O primeiro dos programas promove técnicas de socialización, favorecedoras dunha mellora das relacións interpersoais, orientación sociolaboral e unha análise do contorno do paciente. As actividades desenvólvense en sesións individuais cos pacientes. Pola súa parte, o Programa de intervención psicoeducativa para familiares informa e axuda á reorganización dos roles dentro da unidade familiar, considerando a familia como un axente terapéutico activo. Esta materia trabállase en sesións en grupo quincenais de dúas horas de duración.

TP-Galicia tamén desenvolve campañas de difusión e sensibilización, programa conferencias e edita unha revista periódica e de balde. Todo isto co obxectivo de lograr un cambio de concepción da sociedade sobre os trastornos da personalidade.

Compartir: