CENTROS SOCIOCULTURAIS

A historia vai a Enfesta

08/05/2007 O programa "A historia vai por barrios" chegará o 9 de maio a Enfesta. Despois de pasar por San Pedro, A Rocha, Villestro, Vite e o Ensanche, esta iniciativa de dinamización sociocultural toca ao seu fin por este ano coa derradeira mostra, unha nova invitación ao encontro entre a veciñanza e ao mellor coñecemento da propia historia.

No caso de Enfesta, a exposición será tamén a parte mais visible do programa, xa que permanecerá aberta no local sociocultural ata o día 10 de xuño, aínda que non será a única posto que irá acompañada dun programa específico de actividades de dinamización.

Na mostra vanse describindo os aspectos principais do pasado desta parroquia. Poderase revisar a historia dunha comunidade con longo percorrido, xa que as testemuñas mais antigas remóntanse á prehistoria, da que aínda quedan dous castros. Estes confirman a antigüidade do poboamento na zona compostelá, que é moi anterior ao descubrimento do sepulcro apostólico e ao desenvolvemento da cidade.

Como noutros casos, a historia de Enfesta é bastante descoñecida e non está estudada, o que fixo necesaria unha investigación histórica en arquivos e bibliotecas. O resultado é unha mostra no que se presentan os fitos básicos e na que teñen un lugar preferente aspectos como o antigo Concello de Enfesta, a importancia do movemento agrarista -nas primeiras décadas do século XX- ou a antigüidade e importancia da parroquia como elemento aglutinador da veciñanza.

En conxunto, a exposición garda a liña das anteriores mostras tanto nas características dos contidos -divulgativos pero rigorosos- como na súa aparencia. Neste caso, non obstante, hai unha diferenza moi importante que se relaciona co feito de ter lugar nun local sociocultural de singulares características. O edificio foi a sede do antigo Concello de Enfesta, se ben antes foi unha vivenda e conserva algúns elementos dese período, como a lareira. Arredor dela a veciñanza foi conformando un pequeno museo con obxectos relacionados coa historia da parroquia e da vida noutros tempos. Por este motivo, prescindiuse das habituais vitrinas para dar un maior relevo á colección etnográfica.

As actividades

Un conxunto de actividades de dinamización acompañan á exposición. Neste caso serán obradoiros de historia viva, a recuperación de xogos e xoguetes tradicionais, o recordo de lendas, contos, cancións e receitas, un inventario de obxectos antigos, percorridos de coñecemento do medio histórico e patrimonial e xogos de descubrimento histórico e patrimonial.

A intención da Concellería de Centros Sociocultuais é estender este programa proximamente a outros barrios da cidade, e recoller todo o traballo realizado nunha publicación.

Compartir: