POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello súmase ao Día Internacional das Persoas Refuxiadas cunha campaña de sensibilización e un concerto da Banda Municipal

16/06/2023 Cada ano, o 20 de xuño conmemórase o Día Mundial da Persoas Refuxiadas co propósito de dar visibilidade á difícil situación de aqueles que foxen dos conflitos ou das persecucións, e poñer o foco nos dereitos, as necesidades e os soños destas persoas. Este ano, o Concello colabora a través dunha campaña que pretende dar visibilidade aos artigos da Declaración dos Dereitos Humanos que garanten a protección das persoas refuxiadas.

Un ano máis o Concello de Santiago a través da Unidade de Atención ás Migracións (UAMI) en colaboración coa Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas lanzan un campaña de sensibilización dirixida á cidadanía compostelá co gallo do Día Internacional das Persoas Refuxiadas que se celebra o vindeiro martes, 20 de xuño.

No marco desta campaña, taxis, autobuses e maquesiñas da cidade portarán unha serie de imaxes con artigos da Declaración dos Dereitos Humanos para chamar así a atención sobre o dereito de todos os seres humanos a buscar protección, e ser tratados con dignidade e igualdade. A campaña será visible desde o 1 de xuño ata o 1 de xullo.

Ademáis, o vindeiro xoves 29 de xuño ás 20:00 h, a Banda Municipal de Santiago, ofrecerá o concerto "Réquiem solidario" na praza de Praterías, en homenaxe a todas as persoas refuxiadas do mundo. O concerto, que estaba previsto para o día 15 de xuño, tivo que ser adiado debido ás baixas médicas de varios membros da BMSC.

Día Mundial das Persoas Refuxiadas

O Día Mundial das Persoas Refuxiado é un día internacional designado polas Nacións Unidas para honrar ás persoas refuxiadas e desprazadas de todo o mundo. Conmemórase o 20 de xuño de cada ano para enaltecer a forza e a coraxe das persoas que se viron obrigadas a abandonar o seu fogar para escapar de conflitos ou persecucións.

Trátase dunha ocasión para fomentar a comprensión e a empatía cara ás persoas refuxiadas e desprazadas tendo en conta as difíciles circunstancias nas que se atopan; así como recoñecer a súa capacidade de resiliencia na reconstrución das súas vidas.

Compartir: