PROMOCIÓN ECONÓMICA

Nacen catro novas empresas no marco do programa Equal Compostela Social

07/05/2007 O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, presentou catro novas empresas xurdidas no marco de Equal Compostela Social. Son: Artefacto Producciones Audiovisuales, centrada na produción audiovisual, a tenda de produtos ecolóxicos Biotica da Sorela, o centro de estética Saúde e Beleza e Urbana Express, dedicada a servizos de mensaxería urxente. A estas catro empresas hai que engadir outra nova que abriu o luns 7 de maio as súas portas: a tenda de moda e complementos para muller Zoe. A través deste programa de fomento de autoemprego, desde a súa creación, en novembro do 2005, déronse de alta como autónomas/os 40 novos proxectos empresariais. Deles, 28 (o 70%), foron creados por mulleres.

Artefacto Producciones Audiovisuais, ubicada na rúa Virxe da Cerca, 23, dedícase á produción audiovisual, especializándose na animación e, máis en concreto, na técnica stop-motion, baseada na minuciosa tarefa de crear e fotografar modelos ou bonecos, normalmente de plastilina.

Por outra parte, Biotica da Sorela é unha tenda de produtos ecolóxicos situada na Rúa da Ensinanza, 11. No estabelecemento pódense atopar produtos de alimentación, de cosmética e hixiene, de aromaterapia e herboristeria, e compostos vitamínicos. Ademais, conta co asesoramento dunha dietista. No local tamén se imparten cursos de cociña ecolóxica e charlas de fomento da cultura ecolóxica.

Situado na Rúa Rosalía de Castro, 1, Saude e Beleza é un centro especializado na prestación de servizos relacionados co coidado persoal: saúde, beleza e benestar. Nas instalacións realízanse distintos e efectivos tratamentos de estética, adelgazamento e relaxación, aplicando as últimas e máis avanzadas tecnoloxías.

Finalmente, Urbana Express, ubicada na Rúa Doutor Maceira, 24, é unha empresa de mensaxería dedicada ao reparto de pequenos paquetes no ámbito urbano de Santiago. A actividade, que se desenvolve principalmente en moto para unha rápida atención, consiste, sobre todo, no traslado de documentos de reducido tamaño.

Tamén abriu as súas portas a tenda de moda e complementos para muller Zoe, situada na rúa Algalia de Arriba, 3. O mercado ao que se dirixe é o de mulleres de mediana idade, entre 25 e 40 anos, que lles gusta vestir á moda pero que non atopan tallas grandes e de calidade a bo prezo nas tendas convencionais.

Espazo propio

As empresas xurdidas a tavés de Equal Compostela Social pronto contarán cun espazo propio de colaboración: a Rede de Cooperación Empresarial, que se presentará o xoves, 10 de maio, ás 20:30 horas, na Aula de Cultura de Caixa Galicia. O seu obxectivo é fomentar o desenvolvemento de proxectos de cooperación empresarial que axuden ás iniciativas empresariais xurdidas ó abeiro do programa Equal Compostela Social a mellorar a súa competitividade e a manter unha posición sólida no mercado. Este espazo permitiralles coñecerse e manter unha colaboración que as favoreza mutuamente en campos como a prestación de servizos, a xestión de cobros, etc.

Compartir: