MEDIO AMBIENTE

Carballos e educación ambiental para recuperar o monte

07/05/2007 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o director de Acción Social de Caixa Galicia, José M. García Iglesias, realizaron una plantación de carballos no Parque Eugenio Granell, con motivo da "Operación Carballo" que realiza esta entidade bancaria en toda a comunidade autónoma. Esta actividade, na que tamén participaron os alumnos do IES de Cacheiras, foi aproveitada para presentar o "Recorrido saudable", que o Concello construíu na zona para os maiores.

Ao longo de varios días, máis de 6.000 carballos serán plantados nas principais cidades de Galicia, tras ter xerminado e medrado ao coidado da rede de Centros de Maiores da Obra Social de Caixa Galicia, dos centros escolares de Galicia, de garderías e do Centro On Caixa Galicia, que participan neste proxecto. Desta maneira comeza a segunda fase da "Operación Carballo", posta en marcha en outono de 2006 a raíz dos incendios que asolaron Galicia meses antes.

Concibida como unha actuación de reforestación e de educación ambiental ao mesmo tempo, a súa convocatoria supuxo todo un éxito. Preto de 1.000 maiores e 4.000 escolares colaboraron para recoller nas carballeiras do país miles de landras que darán lugar a novos bosques. Participaron neste labor 63 centros escolares.

A primeira fase da "Operación Carballo" desenvolveuse entre setembro e outubro de 2006. Tras ser coidadosamente seleccionadas, parte das landras foron trasladadas aos Centros de Maiores, e o resto aos centros escolares, que nalgúns casos tamén participaron na recollida. Plantados en pequenos recipientes, ao longo do inverno foron xerminando e abrindo as súas follas, ata converterse en pequenos arboriños de 15 centímetros de altura.

Plantación

Na seguinte fase e en terreos cedidos a este fin polos concellos ou outras entidades que colaboran neste programa, plantaranse 1.700 pequenos carballos. Este labor estará acompañado por un programa de educación ambiental destinado a explicar en cada Centro de Maiores a importancia dos carballos para a conservación da biodiversidade galega. Así, antes da plantación instalarase en cada Centro unha exposición sobre la ecoloxía do carballo, as especies de flora e fauna que acolle, os diferentes bosques autóctonos de Galicia e o papel da propia "Operación Carballo" na recuperación deste patrimonio natural.

Por último, repartirase un folleto denominado "Pequeno manual do plantabosques" cunhas sinxelas instrucións sobre cómo plantar un carballo novo.

Terceira fase

En paralelo, ao longo de xuño procederase a recoller os carballos xerminados nos 63 centros escolares. Serán trasladados a viveiros nos que continuarán medrando, para ser transplantados en 2008 polos xóvenes participantes. Deste xeito, os alumnos e alumnas poderán tomar parte ao longo do seguinte curso tanto nunha nova recollida e plantación inicial de landras como no seu coidado mentres xerminan, e proceder ademais á plantación das árbores nadas este curso.

Compartir: