CENTROS SOCIOCULTURAIS E CULTURA

Os ritmos do mundo inundan Compostela nunha nova edición do "Move'm Cult & Danza"

04/05/2007 A V edición do "Move'm Cult & Danza. Festival dos ritmos do mundo" volve a traer á cidade unha mostra representativa de diversas culturas. O Centro Sociocultural de Vite será o escenario principal das actividades, que se celebrarán do 7 ao 13 de maio.

Os concelleiros de Cultura, Néstor Rego, e de Centros Socioculturais, Guadalupe Rodríguez, presentaron o festival. Acompañounos Martha Franco, directora do festival e integrante da Asociación Cultural Gaira, que se encarga da organización. Un ano máis, dixo esta última, o evento "achéganos á forma de expresión natural de moitos países".

As actividades están programadas coa fin de "achegar o festival á rúa". A oferta de obradoiros de baile e musicais comprende dende as danzas tunecinas á danza do ventre tribal, pasando pola danza kalbelya (danza xitana india), a samba, as danzas afrocolombianas, a percusión, o flamenco ou as danzas terapéuticas.

Pero tamén haberá talleres doutro tipo, como o de caligrafía chinesa, o de origami (papiroflexia) ou o de caligrafía árabe. O grupo Mu será protagonista dun concerto na Quintana o sábado 12 de maio, mentres que Almúsica e Xoan Curiel actuarán en Vite os días 8 e 9, respectivamente. Non faltarán tampouco os contacontos, os pasarrúas e mesmo unha mostra gastronómica do Brasil.

Documentos relacionados



Compartir: