EDUCACIÓN

Arranca o XXVII Certame de Teatro Intercentros no Teatro Principal

27/04/2023 O concelleiro de Educación, Rubén Prol, acompañado polos coordinadores da iniciativa, Sagrario Torreiro e Daniel Baamonde, presentou hoxe en rolda de prensa o XXVII Certame de Teatro Intercentros que levará ao escenario do Teatro Principal entre o 4 e o 11 de maio, 10 espectáculos protagonizados polo alumnado de 8 institutos de educación secundaria, e ao Centro Xove da Almáciga, o 12, 15 e 16 de maio, 8 representacións de 7 centros de primaria.

O Certame de Teatro Intercentros está incluído dentro do programa de teatro que promove o Departamento de Educación do Concello de Santiago e que pretende dar continuidade ás actividades que se viñeron desenvolvendo, con grande éxito de participación e resultados moi positivos, ao longo das anteriores edicións. Esta iniciativa cumpre un dobre obxectivo: fomentar o uso de galego entre os máis novos, sacándo a lingua das aulas, e crear público para as salas de teatro nun futuro.

Dirixida a alumnos e alumnas de CEIP, ESO e Bacharelato, iniciase xa a principio do curso escolar cando se constitúen os grupos, se deciden as obras a interpretar, o vestiario, o decorado e se ensaian as técnicas básicas da interpretación teatral. É finalmente no mes de maio cando se interpretan todas as obras no Teatro Principal e no Centro Xove da Almáciga, nunhas funcións abertas ao público. Así, este mes representaranse un total de 18 espectáculos, para os que se estima unha asistencia de máis de 1.650 persoas, entre o alumnado dos centros implicados e outros públicos.

Nesta actividade actuarán máis de 200 alumnas e alumnos que pertencen aos grupos de teatro dos seguintes centros: CEIP López Ferreiro, CEIP Casas Novoa, Colexio La Inmaculada, Centro Nosa Señora dos Remedios, CEIP Raíña Fabiola, colexio San Jorge, IES Antón Fraguas, IES de Brión, IES A. Xelmírez I, IES A. Xelmírez II, IES de Cacheiras, IES Plurilingüe Rosalía de Castro, IES Pontepedriña, así como o Grupo de Danza Mandala e o CEE Aspanaes Duques de Lugo.

O telón abrirase o vindeiro luns, 4 de maio, ás 10:30, no Teatro Principal coa representación de "As maletas dos contos viaxeiros", a cargo do grupo de teatro do IES Antón Fraguas e pecharase o 16 de maio no Centro Xove da Almáciga, coas obras "Aterrorichanzas" e "Futurible", ás 11:30 e 12:30 h, respectivamente, interpretadas polo alumnado de primaria do colexio San Jorge.

Compartir: