XUNTA DE GOBERNO

Aprobadas as bases das axudas para promoción e dinamización comercial, destinadas ás asociacións de comerciantes

26/04/2023 A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou as bases reguladoras da convocatoria de axudas á realización de actividades de promoción e dinamización comercial, correspondente á anualidade de 2023, que conta cun orzamento de 85.000 euros.

As subvencións están destinadas ás asociacións de comerciantes ou entidades representativas de pequenas e medianas empresas comerciais legalmente constituídas, e sen fin de lucro que reúnan os seguintes requisitos no momento de presentación da solicitude:

- Que o seu ámbito de actuación sexa eminentemente local, referido ao municipio de Santiago de Compostela.
- Que conten cun mínimo de 15 establecementos asociados.
- Que o 60% dos seus establecementos asociados pertenzan ao sector comercial.
- Ter a súa sede social no municipio de Santiago de Compostela.
- Non estar integradas por empresas comerciais que operen en mercados municipais suxeitos a concesión administrativa.

Considéranse actuacións subvencionables, sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro de 2023 e a data límite de xustificación, o 31 de outubro de 2023; as referidas a:

- Sistemas de fidelización a través de servizos dirixidos á clientela cuxa finalidade sexa aumentar as vendas, atraer novas persoas consumidoras e satisfacer os seus intereses.

- Actuacións de dinamización e promoción comercial encadradas dentro dun proxecto de promoción dos establecementos.

- Campañas de promoción, publicidade en medios de comunicación ou en soportes publicitarios así como elaboración de material promocional, que se orienten a potenciar as distintas tempadas ou fitos con relevancia comercial ao longo do ano.

- Implantación ou mantemento de servizos de apoio e asesoramento ao comercio polo miúdo.

- Actuacións encamiñadas á mellora da competitividade comercial.

Tamén son subvencionables os custos de persoal e de administración específicos, sempre e cando estean directamente relacionados coa actividade subvencionada e sexan indispensables para a súa adecuada preparación e execución; as liquidacións das pólizas de crédito devindicadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2023; e os xuros dos préstamos concertados con posterioridade ao 14 de marzo de 2020 e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2023.

A subvención pode acadar o 80% do orzamento dos gastos subvencionables, co límite de 35.000 euros por cada entidade solicitante. Esta axuda é compatible con outras concedidas para a mesma finalidade, sempre e cando illadamente ou en concorrencia coas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, non supere o custo total das actividades subvencionadas.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes e contara desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no BOP.

Outros acordos

A Xunta de Goberno Local tamén aduxudicou dous contratos: o do "Servizo de operacións de conservación, mantemento e reparación de pavimentos asfálticos en viarios públicos municipais do núcleo urbano"; e o do "Servizo de operacións de conservación, mantemento, reparación e pequena reforma de espazos públicos do entorno urbano, excluído o ámbito do recinto intramuros da cidade histórica de Santiago de Compostela (2023-2025)".

O primeiro, de conservación, mantemento e reparación de pavimentos asfálticos en viarios públicos municipais do núcleo urbano, adxudicouse á empresa Obras y viales de Galicia, por dous anos, e por un importe de 799.999,99 euros. Esta sociedade ofertou unha porcentaxe de baixa xeral sobre os prezos unitarios do prego de prescricións técnicas dun 13,50 %; así como os servizos dun responsable de conservación e mantemento con formación en conservación e explotación de estradas, así como un encargado xeral de obras, os dous cunha experiencia demostrable en postos de natureza similar de 12 anos.

O segundo, o de conservación, mantemento, reparación e pequena reforma de espazos públicos do entorno urbano, excluído o ámbito do recinto intramuros da cidade histórica, adxudicouse a Arines Obras y Proxectos, tamén se adxudicou por dous anos, por un importe de 599.999,99 euros. Foi a oferta máis vantaxosa das presentadas.

Esta empresa oferta unha porcentaxe de baixa xeral sobre os prezos unitarios do prego de prescricións técnicas dun 19,99%: ademais dun responsable de conservación e mantemento cunha experiencia demostrable de máis de cinco anos en postos similares, e un encargado xeral de obras con máis de 25 anos de experiencia.

Documentos relacionados



Compartir: