TRANSPORTES

O Concello repartirá 15.000 chalecos reflectantes entre os maiores

04/05/2007 "Faite ver" é o título dunha nova campaña coa que se quere mellorar as condicións de seguridade dos maiores cando circulan pola estrada. Repartiranse 15.000 chalecos co obxecto de facelos máis visibles, con especial atención ao rural.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou esta iniciativa, acompañado do concelleiro de Transportes, Carlos Nieves, e de Patricia Maceira, en representación da Obra Social Caixa Galicia, que colabora con esta campaña. De feito, será na Aula de Cultura de Caixa Galicia (rúa Carreira do Conde, número 18) onde, entre o 7 e o 11 de maio, en horario de 9:00 a 14:00 horas, se poderán recoller os chalecos.

A campaña vai dirixida aos maiores de 65 anos que estean empadroados no Concello de Santiago, polo que será preciso que amosen o DNI e que acudan en persoa a recoller o chaleco. Esta prenda resulta importante "na eliminación do risco de atropelo por falta de visibilidade", lembrou Sánchez Bugallo, que indicou que arredor do 50% dos atropelos do municipio teñen como afectados a persoas maiores de 65 anos. Nos 2.500 quilómetros de estradas compostelás prodúcense uns 70 atropelos cada ano, apuntou.

O alcalde incidiu en que "ningún maior se quedará sen chaleco". Neste sentido, unha vez rematada a distribución na Aula de Caixa Galicia, farase chegar chalecos a quen aínda non o teña. A campaña difundirase nas oficinas da entidade bancaria, nos centros culturais e nos autobuses urbanos.

Compartir: