FORO CÍVICO

O Foro Cívico reúnese para avaliar o estado dos cinco puntos clave fixados para este mandato

13/04/2023 O alcalde destacou os avances en materia de industrialización dos últimos catro anos asumindo este como un dos principais eixos de desenvolvemento "promovendo a creación de emprego e creando oportunidades para reter o coñecemento e o talento": "foron 87 as licencias concedidas nestes anos para a implantación de novas industrias".

A industrialización era un dos cinco eixos de desenvolvemento que recollía o Acordo do Foro Cívico asinado por tódolos grupos da corporación en maio de 2019, asumindo estes como prioritarios para estes catro anos. Sánchez Bugallo destacou os avances nesta materia "impulsando e facilitando a instalación de empresas en Compostela".

Foron un total de 87 as licencias concedidas nos últimos anos para a implantación de novas empresas. Segundo expuxo o alcalde, o crecemento máis notable deuse no polígono de A Sionlla, logo de dotalo dos servizos básicos dos que antes carecía: "había 25 licencias paralizadas para que se instalaran novas empresas porque non contaban co certificado de garantía de subministro eléctrico nin de auga, precisamente porque no 2019 este polígono carecía deses servizos" explicou o alcalde. Unha vez corrixido, deuse luz verde a preto de 90 licencias, algunha "paralizada incluso desde 2013" chegando ao punto de que "actualmente o polígono nos queda pequeno e o seu impacto no emprego é notorio, Santiago é a cidade galega cos mellores datos de persoas empregadas".

Tamén vencellado coa industrialización e, sobre todo, na "promoción de empresas vencelladas ás novas tecnoloxías", desde o comezo de mandato avanzouse na constitución e desenvolvemento do BIOPOLO, aprobáronse modificacións fiscais, establecendo bonificacións durante cinco anos de ata o 95% no IBI, IAE, ICIO para aquelas empresas que creen emprego, amplíen o seu cadro de persoal ou avancen na modernización tecnolóxica. Neste punto, explica o alcalde, o Biopolo está practicamente rematado e confía en que nas próximas semanas poida comezar a operar.

Conexións e infraestruturas: intermodal, orbital e orbitaliño

Será no 2024 cando se finalicen as obras da estación intermodal coa incorporación da terminal de viaxeiros. Esta era outra das cuestións prioritarias marcadas polo Acordo do Foro Cívico. Sánchez Bugallo destacou as xestións realizadas para conseguir eliminar a cláusula que condicionaba as obras da terminal de viaxeiros a rexistrar 3,5 millóns de viaxeiros: "ademais, como xa é sabido, Adif notificounos a súa intención de ampliar as prazas de aparcadoiro tal e como solicitamos, para que preste servicio á propia estación, pero tamén sirva como elemento dinamizador do Ensanche" recalcou o alcalde.

En materia de infraestruturas as obras do enlace Orbital coa AP-9 que dará servizo ao polígono de A Sionlla está xa "moi avanzado" con previsión de remate á volta do verán. No caso do Orbitaliño, atópase en proceso de resolución das alegacións presentadas polo propio Concello.

Tamén sobre a nova depuradora da Silvouta, a EDAR, asinado o convenio para a súa execución e explotación, nas últimas semanas recibiuse a autorización ambiental, polo que o obxectivo é que as obras poidan comezar este mesmo ano, coa perspectiva de que a nova EDAR comece a funcionar no 2026.

Nesta actuación, o reparto do financiamento é o seguinte: 36,58 millóns a cargo dos Fondos Europeos de Reconstrución; 10,86 millóns procedentes da Xunta a través de Augas de Galicia; e 8,57 millóns (máis IVE) con cargo ao Concello de Santiago

Sobre a reforma e modernización de administración electrónica, desde outubro de 2020 engadiuse a sede electrónica, o rexistro electrónico, as notificacións electrónicas, o taboleiro electrónico e todos os servizos habilitantes, así como un xestor de expedientes electrónicos, sendo xa a principal vía de comunicación da veciñanza co Concello de Santiago, con 11.576 rexistros electrónicos contabilizados fronte os 4.920 tramitados de forma presencial e os 485 que se enviaron por correo postal.

Foro Cívico De Santiago de Compostela

O Foro Cívico de Santiago de Compostela, é unha plataforma de traballo que reúne a institucións, asociacións e colexios profesionais da capital galega como son a Universidade, a Cámara de Comercio de Santiago, a Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago e Comarca, a Fundación Santiago Centro, a Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, o Rotary Club, a Real Sociedade Económica de Amigos do País, a Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, a Asociación de Antigos Alumnos da Universidade, a Asociación de Xornalistas de Santiago, Compostela Solidaria, a Asociación Vicus Francorum, o Colexio Maior A Estila, o Colexio de Avogados, o Colexio de Economistas, o Colexio de Arquitectos, o Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais, o Colexio de Procuradores e o Ateneo de Santiago.

Compartir: