POLÍTICAS SOCIAIS E SAÚDE

O Estadio Vero Boquete acolle un partido a prol da doazón de órganos entre a SD Compostela e o Palencia Cristo Atlético

11/04/2023 Con motivo do partido do vindeiro domingo 16 de abril ás 10:00 horas, a Asociación ALCER Coruña, o Concello de Santiago e a SD Compostela desenvolverán unha acción de sensibilización co fin de recordar aos e ás asistentes como a doazón de órganos pode salvar vidas. Esta iniciativa ten lugar no marco da cuarta campaña "Doar é doado" da entidades coruñesa coa que vén colaborando o Concello nos últimos anos.

A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro; o vicepresidente e coordinador de ALCER Coruña, Alfredo Saborido; e o presidente da SD Compostela, Carlos Gesto, presentaron esta mañá o programa de actividades para este ano no marco da campaña Doar é doado, iniciativa da Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril cuxo obxectivo é sensibilizar a distintos colectivos da poboación sobre a doazón de órganos.

Durante o partido do vindeiro domingo no Estadio Vero Boquete, colocaranse dúas mesas informativas sobre a doazón de órganos e o coidado da saúde renal tanto nas dúas entradas de acceso e saída do partido e se repartirán ao redor de 2.000 dípticos con información básica sobre a doazón de órganos a todas as persoas asistentes ao partido entre o SD Compostela e os Palencia Cristo Atlético.

Igualmente realizarase unha formación sobre a importancia da doazón de órganos cos equipos xuvenís, o venres 21 de abril, na Sede da Federación Galega de Fútbol.

No marco deste programa, tamén se desenvolverán outras actividades como charlas en centros de ensino, primeira, secundaria, e nas facultades de Enfermería e Traballo Social, e charlas sobre alimentación saudable e formacións sobre estratexias para previr a dependencia.

A concelleira Mila Castro recordou que se trata "do cuarto ano que o Concello de Santiago colabora nesta campaña, a traves do programa ALCER 7 vidas" e eloxiou o labor realizado por ALCER Coruña que "a día de hoxe levan conseguido uns 30.000 carnés de doantes".

Pola súa banda, Alfredo Saborido, vicepresidente e coordinador de ALCER Coruña, recordou a importancia da doazón xa que "65.000 persoas a nivel estatal precisan dun transplante de órganos" e explicou que "xa sexa a través de ALCER, dalgúns centros de saúde ou do propio CHUS e outros hospitais", toda aquela persoa que o desexe, poderá solicitar información sobre o "documento de instrucións previas, no que pode manifestar de forma anticipada a súa vontade sobre os coidados e tratamentos que podería precisar no futuro e sobre o destino final do seu corpo".

ALCER Coruña

A Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril, ALCER Coruña, ten como obxectivo prestar atención psicosocial e mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade renal e aos seus familiares na provincia de A Coruña. Ademais da atención, asesoramento e intervención con persoas con enfermidade renal, entre os obxectivos da entidade tamén está a sensibilización á cidadanía sobre a doazón de órganos e hábitos de vida saudables.

Esta campaña enmarcase dentro do Programa Alcer 7 vidas que promove actividades de sensibilización sobre a doazón de órganos a través do convenio que se ten co Concello de Santiago.

Direccións relacionadas



Compartir: