PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica destina 46.000 euros ao Concurso de Novas Ideas Empresariais

03/05/2007 A Concellería de Promoción Económica e Emprego destina 46.000 euros ao Concurso de novas ideas empresariais "Compostela Activa 2007". O obxectivo do concurso é estimular e apoiar a persoas que teñen unha idea de negocio, facilitándolle a posta en marcha do proxecto empresarial.

O Concurso presenta unha novidade respecto a 2006. Este ano a convocatoria establece tres modalidades diferentes, fronte ás dúas do ano pasado. A Novas Ideas empresariais edición xeral, e Novas Ideas empresariais promovidas por mulleres engádese a modalidade de Novas Ideas Empresariais promovidas por titulados en Formación Profesional. En cada unha delas establécense tres premios en metálico: o primeiro de 5.000 euros, o segundo de 4.000 euros e o terceiro de 3.000 euros.

A convocatoria establece que unha idea é promovida por mulleres cando a maioría do capital social é aportado por mulleres, ou no caso de proxectos empresariais de economía social, o número de socias sexa superior. O caso de titulados de FP e semellante. Enténdese que unha idea é promovida por titulados en Formación Profesional cando aporten a maioría do capital social ou o número de socios sexa, maioritariamente, titulados en FP. Só se contabilizan os titulados a partir do 1 de xaneiro do 2006.

No concurso poden participar as persoas físicas ou xurídicas que teñan un proxecto empresarial que no momento de presentar a solicitude non tivesen iniciado a súa actividade. O prazo para inscribirse remata o 14 de xullo do 2007.

A documentación solicitada deberá presentarse por duplicado en cada unha das modalidades ás que se opten, no Rexistro Xeral do Concello ou a través de calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/92 de Réxime xurídico das Administracións Públicas e Procedemento Administrativo Común. As bases pódense consultar no BOP do 12 de marzo do 2007.

A valoración dos proxectos será realizada por unha comisión de expertos en base aos seguintes criterios: que a persoa física ou membros da sociedade proveñan dunha situación de desemprego, que estean censados no Concello de Santiago, que a actividade empresarial a desenvolver se enmarque nos sectores de novas tecnoloxías da información e da comunicación, servizos medioambientais, servizos culturais e de lecer, servizos á comunidade, sectores emerxentes ou novos filóns de emprego. Tamén se valorará a utilización de recursos da zona, o emprego xerado, as mulleres contratadas, a contribución á inserción de colectivos en situación desfavorable para a integración sociolaboral ou en situación de risco ou exclusión social.

Compartir: