CENTROS SOCIOCULTURAIS

A música centrará as actividades da IV Semana Cultural do Centro Sociocultural das Fontiñas

25/05/2005 As actividades que conforman estas xornadas, do 30 de maio ao 4 de xuño, son un compendio da actividade anual que leva a cabo o Centro Sociocultural das Fontiñas, "buque insignia da rede de centros socioculturais de Santiago", segundo explicou Mercedes Rosón, que fixo fincapé na vinculación desta IV Semana Cultural coas festas do barrio de Fontiñas.

A concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, xunto á directora do Centro Sociocultural das Fontiñas, Guadalupe Rodríguez, presentou o programa da IV Semana Cultural das Fontiñas, que terá lugar desde o 30 de maio ao 4 de xuño deste ano.

Talleres de maxia, xadrez, contacontos, concertos, exposicións, danza e baile, son algunhas das actividades das que poderán disfrutar os que se acheguen ao Csc das Fontiñas na súa Semana Cultural, que este ano, está dedicada á música. Segundo a concelleira de Centros Socioculturais, son sobre todo dous colectivos, a Asociación Cultural Alfaia e a Asociación Cultural Solfa, os que traballan a prol da música neste centro sociocultural, e que transpasan as fronteiras do barrio coas súas actividades. Ademais, a IV Semana Cultural das Fontiñas abrirase co concerto de música xitana de "Kamelamos Guinar" ("queremos contar" en xitano), coa guitarra flamenca de Marcos Teira e Teresa Sayas e a arte dos rapaces xitanos do barrio.

O obxectivo da xente que traballa a prol dos centros socioculturais, explicou Mercedes Rosón, é facer convertilos "en lugares de encontro dos barrios", que ás veces, sinalou, conforman "unha realidade moi descoñecida para os non usuarios dos centros".

Nos vindeiros meses outros centros socioculturais de Santiago celebrarán tamén as súas semanas culturais. A de Castiñeiriño será do 14 ao 18 de xullo, a da Trisca do 21 ao 25 dese mesmo mes, e a de Conxo, do 5 ao 10 de setembro.

Compartir: