SEGURIDADE CIDADÁ

A Policía Local de Santiago detén dúas persoas por un roubo con violencia

04/04/2023 Efectivos da Policía Local detiveron onte dous individuos que se deron á fuga nun coche despois de quitarlle o bolso a unha muller mediante un tirón, nas inmediacións dunha sucursal bancaria da vía Edison.

O incidente tivo lugar na mañá de onte na vía Edison e consistiu nun roubo con violencia dun bolso a unha persoa de 80 anos que acababa de extraer do caixeiro dunha sucursal bancaria un importe de 300 euros.

A vítima do incidente e unha testemuña informaron dos feitos á Policia Local e puideron achegar a placa de matrícula do vehículo dos autores do roubo.

Tras levar a cabo diferentes pescudas e a posta en marcha dun despregamento policial na cidade, o vehículo foi localizado na zona de San Roque de Laraño, lugar no que os efectivos da Policía Local realizaron un primeiro intento de interceptación. O vehículo deuse á fuga a gran velocidade pero, finalmente, a Policía Local puido paralo. Os axentes do corpo procederon á detención de dous ocupantes do vehículo e ao seu traslado a Comisaría. Un terceiro ocupante logrou escapar da persecución, botándose do coche en marcha, aínda que está identificado.

Compartir: