XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno licita o servizo de limpeza de parcelas e viarios municipais e adxudica os postos de venda de artesanía

03/04/2023 A Xunta de Goberno local aprobou hoxe o expediente de contratación do "Servizo para a execución de diversas operacións de desbroza, limpeza e mantemento de marxes e drenaxes de viarios, carreiros fluviais e parcelas municipais do termo municipal de Santiago de Compostela (2023-2025)" que sae a licitación por 790.000 euros repartidos nas seguintes anualidades: 200.800 en 2023, 395.000 en 2024 e 194.200 euros en 2025. O actual contrato, finaliza a finais de xullo deste ano.

Por outra banda, tamén deu luz verde á adxudicación das autorizacións para o exercicio de venda de artesanía na vía pública. Atendendo ás peticións dos titulares de establecimentos comerciais das zonas próximas aos espazos onde se ubican os postos, proponse a seguinte distribución de postos: 6 postos na praza da Inmaculada, 7 postos na rúa Salvador Parga, 4 postos na praza de Cervantes e un posto (fotógrafo) na praza de Fonseca.

De conformidade co establecido nas bases, a adxudicación realízase a favor dos seleccionados que cumplan os requisitos, condicionada á presentación do xustificante do pago da tasa municipal no prazo de 15 días hábiles. O Concello resérvase a potestade de cambiar a ubicación ou suprimir os postos, previa comunicación aos titulares autorizados, ante a concorrencia de circunstancias excepcionais ou de interese xeral que o fixesen necesario.

Tal e como establecen as bases, establecerase un sistema de rotacións nas diferentes ubicacións. A asignación inicial de postos (dado que a partires da primeira semana iníciase a rotación) realizarase en función da puntuación obtida e a orde de prelación escollida.

Outros acordos

Tamén se aprobou o expediente de contratación que ten por obxecto a tramitación dun "Contrato Baseado nun Acordo Marco da FEMP para a subministración de gas natural - Lote 1", en dependencias municipais do Concello de Santiago de Compostela. Sae a licitación por un ano, cun orzamento base de 136.000 euros, IVE engadido.

En total son 22 os puntos de subministro incluidos, entre os que figuran o Pazo de Raxoi, distintos pavillóns deportivos entre eles o de Santa Isabel; varios campos de fútbol; distintos Centros Socicoulturais, o espazo de lecer María Miramontes, ou a Escola Infantil "A galiña azul", localizada en San Roque.

O Goberno municipal tamén adxudicou o contrato que ten por obxecto a "Subministración de probas de detección de drogas por saliva para o equipo de detección de drogas Sotoxa para a Policía Local de Santiago de Compostela á empresa Tradesegur, S.A. por tres anos e por un importe total de 39.930 IVE engadido.

Compartir: