PARQUES E XARDÍNS

O Espazo Deportivo Multiúsos de Santa Marta ultima detalles para a súa próxima apertura ao público

03/04/2023 130.000 euros investíronse na actuación que crea unha nova pista de voleibol, completamente rematada, unha pista de skate e un espazo pumptrack.

Situado na rúa Emilia Pardo Bazán, o Espazo Deportivo Multiúsos de Santa Marta está a piques de rematar e quedar aberto ao público. Máis de 130.000 euros destináronse á rehabilitación integral do espazo xerando un parque urbano con pista de skate, de voleibol e unha zona de pumptrack que ocupa un espazo total de 7.452 metros cadrados.

Son preto de 50 mil euros os que se destinan á renovación da pista de skate de 877 metros cadrados que se ubicaba na parte baixa deste novo espazo deportivo multiusos. O que se está a realizar, segundo explica a concelleira de Parques e Xardíns, Mila Castro é "reformar e actualizar unha pista deportiva que quedara obsoleta, creando novas ramplas de formigón e deseñando un novo circuíto de skate con liñas e obstáculos diferentes".

Tamén ante un número de usuarios elevado que "habitualmente instalaba a súa propia rede de voleibol para xogar na zona" decidiuse crear unha pista, precisamente con este uso, "pensando tamén en que se trata dun barrio familiar, que creceu e segue crecendo e, polo tanto, precisa de espazos de ocio infantil" recalcou Castro.

Ao outro lado da pista de voleibol tamén están rematadas as obras do pumptrack de asfalto que ten unha superficie de 440 metros cadrados. Nel proxéctase a construción de 8 novos elementos denominados Quarter, Slappy, Hip, Corner, Plano inclinado, Bordillo con manual, Wallie e Pirámide con slappy. Un trazado de 3 rectas e 6 curvas configurará este espazo no que de forma inminente comezarase a asfaltar o circuíto, para completar a actuación co axardinamento da contorna.

Compartir: