MEDIO AMBIENTE

O sistema RECICLOS supera os 5.000 usuarios en Santiago

03/04/2023 A iniciativa posta en marcha polo Concello de Santiago para fomentar a reciclaxe de envases e promover unha economía verde e circular, xa conta na cidade de Santiago con 5.250 usuarios. A concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, quixo agradecer tanto á cidadanía como ás asociación participantes na campaña "o seu compromiso co medio ambiente e a súa solidaridade".

Mila Castro amosouse moi satisfeita coa boa acollida que a campaña tivo entre os composteláns e as compostelás e pola implicación de asociacións como ATEGAL, A Pedra que Fala, Banco de Alimentos Rías Altas, AGAFI ou ASOTRAME neste sistema de Devolución e Recompensa (SDR) que permite acumular puntos e obter recompensas que os usuarios poden doar a diferentes entidades ou proxectos da cidade.

Así, RECICLOS permitiu a posta en valor da conexión entre Fontiñas e o parque de San Lázaro polo parque de Carlomagno, e a melloras de zonas verdes no Parque de Santa Marta.

A concelleira tamén avanzou que as seguintes asociacións que se unirán á iniciativa nas próximas semanas, serán a Fundación Andrea e a Asociación de Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG), que centra a súa actividade na atención e o apoio a familias que teñen nenos ou nenas con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais. "Os usuarios e usuarias poderán facer doazóns a esta e outras entidades sociais, a través de RECICLOS, contribuíndo a proxectos nobres e necesarios, ao mesmo tempo que se fomenta a circularidade dos envases".

A edila aproveitou para felicitar a estas entidades polo "encomiable traballo que realizan a diario, imprescindible para conseguir a plena inclusión e unha a sociedade máis comprometida, obxectivos nos que desde o Pazo de Raxoi traballamos a diario".

Desenvolvido por Ecoembes, RECICLOS foi implantado na cidade grazas ao apoio do Concello de Santiago, "o primeiro de Galicia en impulsar esta acción, coa que tamén se visibilizan os beneficios de reutilizar os envases e o aforro en emisións, auga e enerxía", explicou Castro.

Sistema RECICLOS

RECICLOS púxose en marcha a mediados de abril do 2021 co obxectivo de fomentar a reciclaxe de envases no municipio e promover unha economía verde e circular. A través desta iniciativa, os veciños e veciñas de Santiago de compostela poden reciclar as súas latas e botellas de plástico de bebidas nun dos máis de 700 contedores amarelos das rúas da cidade -aos que se lles incorporou un Código QR- e obter recompensas que poden doar a asociacións locais de carácter social.

Para facer uso deste sistema, os cidadáns só teñen que descargarse a app gratuíta Reciclos e, na casa, escanear o código de barras da lata ou botella de plástico que queren reciclar antes de tiralo ao cubo. Unha vez na rúa, cando acudan ao contedor amarelo coa súa bolsa de envases, deben depositala alí e escanear o código QR que hai no contedor.

Ao utilizar os contedores amarelos os usuarios obteñen puntos, denominados Reciclos, que poden cambiar polas distintas recompensas que teñan dispoñibles. Estes puntos terán un límite semanal co fin de que os cidadáns non só reciclen máis e mellor os seus envases, senón que consuman de forma responsable.

Compartir: