TURISMO E ACCIÓN CULTURAL

Santiago acolle a campaña "Essencia do Minho"

03/04/2023 O Consorcio Minho Innovación presentou esta mañá a campaña "Essencia do Minho" que ten como obxectivo mostrar a singularidade deste atractivo destino turístico situado ao norte de Portugal. No marco desta iniciativa, durante o mes de maio organizarase un concerto para o público xeral e un evento enogastronómico para prescriptores.

O Consorcio Minho Innovación, integrado polas comunidades de Minho, Cávado e Ave, presentou esta mañá no Concello de Santiago a campaña "Essencia do Minho". Trátase dunha acción promocional coa que esta rexión do Norte de Portugal convídanos a "Amar o Minho", dando a coñecer entre os galegos o territorio e os atractivos turísticos que ofrece.

A concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón, acompañada pola secretaria executiva da Comunidade Intermunicipal de Minho do AVE, Marta Coutada, e o secretario executivo da CIM Alto Minho, Bruno Caldas, presentaron esta mañá os eventos que se van a celebrar o próximo mes en Compostela no marco desta campaña.

Mercedes Rosón, que excusou a ausencia do concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, amosou a súa satisfacción por acoller esta iniciativa, xa que o Norte de Portugal e Galicia "somos irmáns e compartimos infinidade de cousas" e estos eventos "permitirán estreitar os lazos de unión coa rexión lusa do Miño a través dun percorrido polo patrimonio musical e gastronómico".

O representante portugués, Bruno Caldas, agradeceu a colaboración do Concello de Santiago, e explicou que, tras as dúas primeiras iniciativas de promoción celebradas en Portugal, nesta último evento, quixeron facer unha aposta por Santiago ao tratarse dun "escenario magnífico que acolle moitos turistas e visitantes", e que ademais facilita "o cruce de identidades e mestura entre o Miño e Galicia".

Despois de pasar por Lisboa e O Porto, "Essencia do Minho" chega a Santiago e convídanos a coñecer esta rexión portuguesa de gran riqueza cultural, histórica e gastronómica, onde ademais a natureza invádeo todo.

Mes de maio para "Amar o Minho"

O músico portugués Daniel Pereira e o cantautor galego Xabier Díaz ofrecerán o próximo 7 de maio o concerto "De Minho a Galicia". O recital, dirixido a toda a familia terá lugar na Sala Capitol ás 19:00 h.

Neste concerto poderase gozar dunha viaxe pola música tradicional portuguesa, coa influencia galega, nunha fusión de voces e sons tan nosos e da man destes dous grandes artistas, comprometidos coa súa terra e as súas raíces.

Por outra banda, organizarase para o público profesional unha cita enogastronómica a cargo de dous recoñecidos representantes da cociña portuguesa e galega: Antonio Loureiro, do restaurante Cozinha en Guimaraes e Lucía Freitas, da Tafona en Santiago de Compostela. Neste encontro, os chefs elaborarán un menú a catro mans, maridado cos mellores viños da rexión do Minho, que porá en valor o rico patrimonio gastronómico de ambos os territorios.

A Rexión de Minho

A Rexión de Minho está formada por 24 concellos de tres comunidades intermunicipais (Minho, Cávado e Ave) que ocupan unha extensión de 4.500 km2 entre a fronteira de Galicia e O Porto, con preto de 1,1 millóns de habitantes e mais de 50 km de costa.

Este destino do norte do Portugal une de xeito harmonioso historia, tradición, modernidade e innovación. Entre os seus atractivos máis destacados cabe destacar a súa ampla oferta de turismo termal, as súas praias e as súas rutas naturais, polo que é coñecido como o Xardín de Portugal.

A rexión conta con mais de 100 monumentos nacionais clasificados, como o Castelo de Guimaraes, A Ponche de Lima ou a cidade de Braga.

En canto á oferta gastronómica e vinícola, Minho é a rexión lusa con máis produtos incluídos na "Arca dos Sabores" do movemento Slow Food: Broa de Milho, Laranja de Ermelo, Feijão Tarrestre e Carne Cachena dá Peneda. O Caldo Verde, pola súa banda, foi elixido en 2011 como unha das "7 Marabillas da Gastronomía Portuguesa".

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: