ALCALDÍA

O Concello apoia a creación dun Conservatorio Profesional de Danza en Santiago de Compostela

29/03/2023 O alcalde e a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, reuníronse hoxe con representantes da Plataforma Conservatorio de Danza en Compostela. Durante o encontro, transmitíronlle o apoio "incondicional" do Concello de Santiago á posta en marcha dun conservatorio profesional de danza na cidade e ofreceronse a ceder á Xunta unha parcela de 1000 metros próxima ao Conservatorio Profesional de Música para a súa construción.

Tras o encontro, Mercedes Rosón reafirmou o "apoio incondicional" do Concello á creación da escola de danza na cidade, que se concretaría na oferta por parte do Goberno local de ceder á Xunta de Galicia "unha parcela municipal darredor de 1.000 metros cadrados situada a carón do aparcadoiro da Altiboia e moi preto do Conservatorio Profesional de Música", para a súa construción.

A concelleira salientou a importancia de situar estes dous centros na mesma área xeográfica xa que permitiría "lograr a sinerxia entre os dous conservatorios", que incrementaría o peso cultural de Santiago ao dar cabida a unha disciplina tan demandada.

Compartir: