XUNTA DE GOBERNO

O Goberno municipal aproba a licitación dos fogos do Apóstolo e a adxudicación do sistema EDR de protección informática

20/03/2023 A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe, aprobou o expediente denominado "Servizo de deseño, produción, montaxe e realización do espectáculo pirotécnico das Festas do Apóstolo 2023", cun orzamento base de licitación de 259.994,52 euros IVE engadido. Tamén adxudicou o contrato de "Ampliación da Solución de Protección Avanzada (EDR)" á empresa Telefónica, por un importe de 47.074,45 euros, que contempla un sistema de detección e resposta de ameazas para os 850 equipos de usuario do Concello de Santiago, tanto fíxos como móbiles.

O obxecto do primeiro contrato é o deseño, produción e realización do espectáculo pirotécnico das Festas do Apóstolo 2023 que se desenvolverá os días 24 e 31 de xullo na cidade de Santiago de Compostela.

Para executar o espectáculo do 24 de xullo empregaranse cinco puntos da cidade desde os que se realizarán disparos sincronizados para crear un conxunto harmónico temporal e estético. Os puntos de disparo deben manter as distancias de seguridade a vivendas e instalacións que esixe a normativa vixente sobre pirotecnia. Estes puntos son: Santa Susana, Escalinata de Fontiñas (Parque Carlomagno), Cidade da Cultura, Parque Eugenio Granell e As Cancelas.

O espectáculo do día 31 de xullo será disparado desde un único punto: a Cidade da Cultura. A hora prevista para ambos espectáculos son as 23:30 h, e terán unha duración mínima, segundo establece o prego de contratación, de 12 minutos e 30 segundos.

O deseño da proposta técnico-artística, producción, realización e execución dos espectáculos pirotécnicos, corre a cargo da empresa adxudicataria. Igual que a subministración do material pirotécnico necesario, avalado e catalogado pola Unión Europeo, e fabricado con materiais biodegradables e sen a presenza de percloratos.

EDR

O Goberno Municipal tamén aprobou a contratación dun sistema de detección e resposta nos equipos de usuario (EDR ou Endpoint Detection and Response) para os próximos 5 anos. A solución EDR consiste na instalación dun software nos 850 equipos informáticos dos funcionarios conectados á rede de datos do Concello de Santiago de Compostela para posteriormente poder monitorizar de forma continua a actividade dos propios equipos.

O EDR, unha vez instalado nos equipos, mediante o módulo de detección emitirá, de forma automática, unha alerta ante calquera comportamento non habitual ou sospeitoso dos mesmos. Igualmente procederá, tamén de forma automática e mediante o módulo de resposta, a illar o equipo da rede de datos do Concello e a intentar solventar a incidencia reportada.

En resumo o EDR non permitirá que ningún equipo este conectado ou sexa reconectado a rede de datos ata que o propio EDR non confirme que non existe ningún risco para o resto de usuarios nin para a infraestrutura informática do Concello.

Esta solución tamén formará parte do recentemente creado Centro de Operacións de Seguridade (SOC) do Concello de Santiago de Compostela. Calquera alarma que poida xerar o EDR será trasladada, sen interacción manual, ao SOC onde se analizará con mais detalle o alcance da alerta en función da experiencia obtida a través da Rede nacional de SOCs da que forma parte o Concello.

Coa súa adquisición e implantación o EDR convértese nunha ferramenta indispensable da infraestrutura de ciberseguridade do Concello e contribúe a consolidar o plan de seguridade da información posto en marcha coa recente implantación do Centro de Operacións de Seguridade.

Esta contratación é froito da financiación obtida a través do programa Next Generation da Unión Europea e do Convenio de Colaboración para a Implantación de Solucións de Ciberseguridade asinado no pasado mes de decembro coa Axencia para a Modernización Telefónica de Galicia (AMTEGA). Estes feitos veñen a confirmar a liña de colaboración institucional en termos de solucións tecnolóxicas impulsada pola Concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, que dirixe a concelleira Marta Abal.

Compartir: