ACCIÓN CULTURAL

Volve o Festival Rosalía ás rúas compostelás para festexar o galego como "o noso superpoder"

15/02/2023 O Festival, que terá lugar o venres 24 e o sábado 25, ofrecerá actividades para todos os públicos, con concertos, paseos literarios, un faladoiro, exposicións de traballos escolares e a feira de produtos rosalianos. O Concello de Santiago colabora nesta iniciativa organizada pola Deputación da Coruña e que se desenvolverá en varios espazos da cidade vella como a praza de Cervantes, o Teatro Principal, o CSC Maruxa e Coralia e o Colexio Maior de Santo Agostiño.

Rosalía volve con forza vestindo capa e anteface para protagonizar o V Festival Rosalía que terá lugar os días 24 e 25 de febreiro en Compostela: dúas xornadas cun amplo e diverso programa de actividades baixo o lema "O galego é o noso superpoder" que organiza a área de Normalización Lingüística da Deputación en colaboración co Concello de Santiago de Compostela. A programación foi presentada esta mañá no Pazo de Raxoi pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, acompañada da deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, e por unha das poetas participantes no Festival, Marina Oural.

Mercedes Rosón recordou que o Festival servirá "de colofón para ese 23 de febreiro, Día de Rosalía, que como en anos anteriores, encheremos con ofrendas florais, homenaxes, actos e actividades que recollen o espíritu e o legado da nosa poeta máis universal". Ademais, a concelleira salientou que todas as actividades "terán lugar no corazón da cidade vella", en espazos como a praza de Cervantes, o Teatro Principal, o CSC Maruxa e Coralia e o Colexio Maior de Santo Agostiño. A edila de Acción Cultural celebrou a volta desta cita cultural á cidade asegurando que "o Festival é froito de moitas vontades pero é que Rosalía merece todo". Ademais puxo o foco en que "é un festival de mulleres, no que a programación está principalmente composta por mulleres".

A deputada María Muíño fixo fincapé en que este ano o Festival incrementa a programación e esténdese a dúas xornadas cunha serie de actividades pensadas "como unha oferta activa, na que poder participar, xa non só como público senón tamén percorrendo a cidade para redescubrir a cidade rosaliana". Segundo explicou a deputada de Normalización Lingüística "tratamos de celebrar todas as facetas da figura da propia Rosalía, tanto como autora e poeta, centrándonos na cultura de noso e na lingua propia, máis tamén como referente feminista, e botando man das nosas creadoras actuais". Neste sentido, o festival contempla unha programación ampla e moi diversa, para todo tipo de públicos, que inclúe concertos, un roteiro liteario, un faladorio, recitais, propostas escénicas, exposicións de traballos escolares e a feira de produtos rosalianos.

Na presentación, tamén participou a poeta Marina Oural, que xunto con Ugia Pedreira ofrecerán o espectáculo de poesía e música "1 Faba, 1 Vida" no CSC Maruxa e Coralia o sábado ás 18:30h. Un espectáculo que segundo explicou naceu en Francia co obxecto de poñer o galego en outros ouvidos novos e recoller a impresión. "Trátase dun guiso de poema e canción" indicou a poeta, que ademais adiantou que "por vez primeira imos meter un feixe de poemas de Rosalía, porque ademais de meterlle o dente aos seus poemas tamén queremos trasladar o enfado aberto de sentir que o galego está sendo percibido como un idioma estranxeiro".

A programación conta con propostas escénicas a cargo de Larraitz Urruzola, Os Quinquilláns e Soledad Felloza, cun paseo literario a cargo de Mercedes Espiño, un recital no que participarán poetas como Andrea Nunes, Ánxela Lema, Lucía Aldao e Diana Kurich, espectáculos que combinan música e poesía como o de Ugia Pedreia e Marina Oural e o recital musicado de Faia, un faladoiro a cargo de María Xesús Lama, Carme Adán e María Reimóndez, e os concertos de Adhara&Rhitman e O Val das Mouras.

Programa

Feira de produtos rosalianos. Feira de produtos que teñen a Rosalía como inspiración, produtos con ‘marca Rosalía’, activa os días 24 (17.30-21.00) e 25 (12.00-21.00) de febreiro.

Venres 24

17.30h | Apertura da Feira e Benvida de Super Rosalía
18.00h | A VIAXE DE ROSALÍA. Teatro de monicreques a cargo de Larraitz
Urruzola. Praza de Cervantes
19.00h | OS ESPAZOS DE ROSALÍA EN SANTIAGO. Paseo literario con
Mercedes Espiño. Saída da Praza de Cervantes.
20.30h | Concerto de ADHARA & RHITMAN. Praza de Cervantes

Venres 25

12.00h | Apertura da Feira e Visita de Super Rosalía
12.30h | PRIMAVERA VAI CHEGAR. Recital musicado con Faia. Colexio Maior de Santo Agostiño.
13.00h| PASARRÚAS ROSALIANO. Pasarrúas teatralizado con Os Quinquilláns. Saída da Praza de Cervantes.
13.30h | PRIMAVERA VAI CHEGAR. Recital musicado con Faia. Colexio Maior de Santo Agostiño.
16.30h | CHOVE MIUDIÑO. Espectáculo infantil con Sole Felloza. Praza de Cervantes
17.30h | O FEMINISMO EN ROSALÍA: MÁIS UN SUPERPODER. Faladoiro con María Xesús Lama, Carme Adán e María Reimóndez. Praza de Cervantes
18.30h | 1 FABA, 1 VIDA. Poesía e música con Ugia Pedreira e Marina Oural. CSC Maruxa e Coralia.
19.30h | NON HAI QUEN LLOS BOTE. Recital poético con Andrea Nunes, Ánxela Lema, Lucía Aldao e Diana Kurich. Praza de Cervantes
21.00h | Concerto de O VAL DAS MOURAS. Teatro Principal.

Compartir: