ALCALDÍA

O Concello impulsará o centro sociocultural e o pavillón polideportivo de Lavacolla unha vez aprobado definitivamente o PXOM

29/04/2007 O alcalde e varios concelleiros desprazáronse ata Lavacolla para dar un repaso ás obras realizadas e ás previstas para os vindeiros meses.

Sánchez Bugallo reuniuse primeiro cos representantes da asociación veciñal "Ruta Xacobea" e logo mantivo un encontro con tódolos veciños. Con eles falou de dúas actuacións moi demandadas por eles, o centro sociocultural e o pavillón deportivo. O alcalde indicoulles que estas dúas actuacións están unicamente pendentes da aprobación definitiva do PXOM, prevista para o 21 de xuño deste ano. Cumprido este trámite solucionarase o problema de legalidade e de uso do centro e impulsarase o polideportivo, que xa ten proxecto e orzamento.

Outro dos temas do que se falou na xuntanza foi o transporte urbano. O alcalde apuntou que xa se aumentaron ata 25 as expedicións diarias, unha vez incluída a liña regular no Plan de Transporte Comarcal. Unicamente queda pendente a aplicación das tarifas urbanas, algo que se fará unha vez se solucione un problema técnico coa instalación de novas máquinas canceladoras.

Saneamento, asfaltado e parque empresarial en Lavacolla

En canto á rede de saneamento, o alcalde recordou que o Consello da Xunta xa aprobou a primeira fase para a construción da nova depuradora e da rede de colectores, polo que en breve será licitada a obra. O Concello tamén encargará un proxecto de ampliación desta rede ao lugar de Mourentán.

Igualmente, para os vindeiros meses están previstas varias obras de asfaltado. Provisionalmente arranxouse con asfaltado en frío a pista de Loureda, aínda que o Concello ten previsto resolver a conexión no núcleo de San Paio e do fronte cara a Sionlla.

O alcalde tamén falou sobre o parque empresarial de Lavacolla, conveniado co Instituto Galego de Vivenda e Solo e coa Consellaría de Vivenda e Solo. Sánchez Bugallo non descartou pedir á Consellería a cesión deste proxecto ao Concello para así acelerar o proxecto.

Respecto á rehabilitación da igrexa de San Paio, o Concello conta xa co permiso para tres actuacións. Deste xeito, o Consorcio acometerá en breve as obras, que comprenden a recuperación de varias partes da capela e un acceso para minusválidos.

Finalmente, o alcalde dixo entender as queixas dos veciños sobre as limitacións que para o rural fixa a Lei do Solo. Sánchez Bugallo afirmou que, unha vez aprobado o PXOM, se fará unha revisión das zonas afectadas e comprometeuse a modificar no posible o Plan en canto ao rural se se produciran modificacións na lei autonómica.

Compartir: