PROMOCIÓN ECONÓMICA

Abren as súas portas dúas novas empresas creadas no marco de Equal Compostela Social

27/04/2007 Abren as súas portas dúas novas empresas creadas no marco do Proxecto Equal Compostela Social, impulsado pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego. Con estas son xa 39 as empresas que se deron de alta como autónomas a través deste programa dende que comenzou a súa andadura, en novembro do 2005. 28 empresas, o 72%, foron creadas por mulleres, e as outras 11, o 28%, por homes.

O 2 de maio abre as súas portas Biotica da Sorela, unha tenda de productos ecolóxicos ubicada na Rúa da Ensinanza, nº 11, baixo, esquerda. Promovida por Ángela Calderón Llamas, no estabelecemento poderanse atopar produtos de alimentación, de cosmética e hixiene, de aromaterapia e herboristeria, e compostos vitamínicos. Ademais, contará co asesoramento dunha dietista. No local tamén se impartirán cursos de cociña ecolóxica e charlas de fomento da cultura ecolóxica.

Un día despois, o 3 de maio, inaugúrase o centro de estética Saude e Beleza na rúa Rosalía de Castro, número 1, 1º B. O acto, no que se servirá un viño, terá lugar ás sete da tarde. Promovido por Marisa Dequidt Herrero e Isabel Taboada Rodríguez, Saúde e Beleza é un centro especializado na prestación de servizos relacionados co coidado persoal: saúde, beleza e benestar. No centro realizaranse distintos e efectivos tratamentos de estética, adelgazamento e relaxación, aplicando as últimas e máis avanzadas tecnoloxías.

Equal Compostela Social é un programa de fomento da cultura emprendedora dirixido a persoas desempregadas que pertencen a colectivos de difícil inserción: mulleres, mozos menores de 30 anos, desempregados de longa duración, inmigrantes e emigrantes retornados, etc. Neste momento estase desenvolvendo a cuarta fase, na que participan 20 proxectos empresariais. O obxectivo do programa, cada vez máis cerca, é lograr a constitución de 50 empresas na Mancomunidade de Compostela.

Compartir: