ACCIÓN CULTURAL

A Concellería de Acción Cultural relanza a iniciativa ‘Compostela Literaria’ que reúne contidos e recursos sobre a relación da cidade coa literatura

25/01/2023 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou hoxe "Compostela literaria", unha web actualizada que inclúe un mapa literario das obras e autores e autoras vinculados a Santiago, así como outros recursos e artigos. Na rolda de prensa estivo acompañada de Óscar Senra, da cooperativa Maos Innovación Social.

A concellería de Acción Cultural presentou esta mañá o relanzamento da iniciativa ‘Compostela Literaria’, para o cal se creou unha nova web, compostelaliteraria.gal, totalmente remodelada e con novos contidos. Artellada ao estilo dunha guía, a web comprende tanto un mapa literario como unha mostra de obras, autoras e autores de marcada compostelanía, sexa esta nativa ou adoptiva, sexa por relevancia ou por intensidade.

Complétase esta proposta cunha serie de recursos lúdicos, como xogos didácticos ou un escape city, e con diversos artigos escritos por persoas relacionadas co mundo da literatura, como María do Cebreiro ou Antía Otero. Inclúese ademais a sección participativa Microficcións, á que calquera persoa pode enviar as súas propias creacións.

A concelleira de Acción Cultural explicou que "Compostela Literaria quere ofrecer unha visión panorámica da relación entre a nosa cidade e a literatura". Así, o obxectivo principal é fornecer pistas e suxestións para coñecer esa prolífica relación da nosa cidade coa letra impresa. O mapa recolle, por exemplo, só algunhas persoas e obras destacadas extraídas dun longo inventario, nun proceso aberto e en constante mutación e crecemento e que inclúe ademais librarías, fundacións, bibliotecas e editoras da nosa cidade, para alén de diversos roteiros aquí ambientados.

Algúns nomes que poden encontrarse na web son clásicos como os de Rosalía de Castro, Arturo Cuadrado, Concha Castroviejo ou Xoana Torres, ademais de outros máis actuais, como Suso de Toro, Berta Dávila, Daniel Asorey, Marga Tojo ou Patricia Janeiro. Tamén recolle as contribucións de grandes persoeiros do mundo das letras como Federico García Lorca, Emilia Pardo Bazán ou Valle-Inclán.

Direccións relacionadas



Compartir: