CONSORCIO

O Coro Euridice de Bolonia ofrece dous concertos en Santiago

27/04/2007 O Coro Euridice acompañará cos seus cantos a celebración litúrxica da Catedral o domingo 29 de abril, ás 13:00 horas. As voces deste prestixioso coro porán música ás diferentes partes nas que se divide a misa, dirixidos polo mestre Pier Paolo Scattolin. Esta actuación ven sumarse á do venres 27 de abril, ás 20:30 horas, na igrexa de San Martiño Pinario, na que o coro interpreta pezas de Monteverdi, Penderecki ou Petrassi, entre outros.

Estas actuacións enmárcanse no obradoiro de dirección de coro que se desenvolve estes días na Escola de Altos Estudos Musicais, orientado a directores, compositores, estudantes de música, profesionais e, en xeral, a tódalas persoas interesadas na música coral. Froito do seu programa de dinamización turístico cultural, o Consorcio encomendou a organización deste curso ao Collegium Compostellanum en colaboración coa propia Escola de Altos Estudos Musicais.

A Sociedade Coral Euridice é a institución coral máis antiga de Bologna, fundada en 1880 como agrupación que animaba a vida dos diferentes barrios da cidade italiana. Na primeira metade do século XX converteuse en coro polifónico. Desde 1976 o coro está dirixido por Pier Paolo Scattolin, e o seu repertorio ampliouse á música do Novecento e á contemporánea.

Cómpre lembrar que Santiago participou en Voces de Europa, proxecto coral realizado en común polas nove Cidades Europeas da Cultura no ano 2000. Algunhas destas cidades seguiron desenvolvendo proxectos de colaboración no ámbito da música coral. Particularmente destacables foron os de Cracovia e Bolonia, cidade que obtivo da UNESCO o galardón Cidade da Música. Na vida musical de Bolonia teñen especial relevancia as actividades da Sociedade Coral Eurídice, unha das agrupacións corais máis antigas de Italia (1880).

Compartir: