MEDIO AMBIENTE

Aberto un punto de información no casco histórico sobre o novo sistema de recollida de lixo

19/01/2023 O Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, situado na praza Salvador Parga, acolle desde onte un punto de información sobre o novo sistema de recollida de lixo. Este punto, dirixido a particulares e empresas da casco histórico, estará aberto de luns a venres en horario de 17.00 a 21.00 h.

O persoal de Santiago Sostible atenderá todas as dúbidas e suxestións da veciñanza e dos empresarios da zona sobre a instalación das illas de reciclaxe de quita e pon (entre as 19:00 e as 23:00 horas) e o novo sistema de recollida porta a porta para a hostalería.

Este punto pretende reforzar o servizo de información a pé de rúa que se está a desenvolver entre as 17:00 e a 1.00 horas así como a campaña de difusión e repartimento de cubos porta a porta dirixida á hostalería que se iniciou o pasado día 10 de xaneiro.

Santiago Sostible é a iniciativa paraugas do Concello de Santiago que engloba todas as accións e proxectos para a xestión do servizo de limpeza viaria e de recollida de lixo.

En contacto co sector

A concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, explicou que paralelamente a esta campaña, continúan os contactos con veciños e comerciantes. Detalla que onte mesmo reuniuse coa asociación de veciños e cos hostaleiros para "ir adaptando e mellorando o servizo en base á experiencia", de feito "acordamos unha modificación dos horarios de recollida para entorpecer o menos posible o seu traballo e, ao tempo, seguir dando pasos firmes no noso compromiso coa sostibilidade".

Compartir: