CONSORCIO

Preto de 600.000 euros poñen en marcha o primeiro Obradoiro de lousados de pedra

27/04/2007 Co ánimo de establecer os mecanismos para o mantemento de lousados do centro histórico xorde o primeiro Obradoiro de emprego nesta especialidade, posto en marcha o 2 de xaneiro na horta de San Martiño Pinario.

Neste taller reciben formación nove canteiros dirixidos por un director e tres profesores. O emprazamento do Obradoiro resulta do convenio asinado entre o Consorcio e o Seminario Maior o11 de agosto de 2006 polo que, a cambio da cesión das instalacións, o Consorcio se comprometía a restaurar os pavimentos do mosteiro. Ademais do taller onde se realizan estas clases prácticas, prepáranse e restáuranse as lousas, e os alumnos contan cun espazo onde se desenvolven as clases teóricas.

Este Obradoiro de emprego, "Lousados de Compostela", está financiado polo Consorcio de Santiago con 409.877 euros e pola Consellería de Traballo, que achega 168.934, co obxectivo de cualificar a man de obra precisa para acometer estes traballos, xerando emprego estable e capacitado, e así responder á demanda real de mantemento especializado destes "lousados" transcendentais para entender o espazo público dos centros históricos. Unha vez rematada a súa formación, os canteiros intervirán directamente en diversas rúas do Casco Histórico de Santiago

O alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou este obradoiro, e logo visitouno na compaña, entre outros, do conselleiro de Traballo, Ricardo Varela; do presidente do Consello Territorial de Galicia da Fundación Laboral da Construción, Ángel Fernández Presas; e do xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva.

Técnicas en perigo

As técnicas, o oficio e os criterios para realizar estas labores de conservación están sufrindo un progresivo deterioro, o que en definitiva remata devaluando a calidade destes pavimentos, tan singulares como característicos, non só do centro histórico de Santiago senón da inmensa maioría dos centros históricos galegos. Así o apuntou Sánchez Bugallo, que se referiu ás dificultades que afronta o propio Concello para as actuacións nas rúas. Fronte ao tratamento mecanizado da pedra, o alcalde indicou a "necesidade de formar profesionais nas técnicas tradicionais para restaurar os cascos históricos, porque senón serán sucedáneos".

Neste mesmo sentido pronunciouse o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, que insistiu no déficit destes profesionais. Afirmou que o seu departamento está moi interesado neste tipo de talleres que combinan formación e experiencia e anunciou que impartirá uns 140 obradoiros en 2007, nos que se investirán máis 43 millóns de euros. Finalmente, o presidente do Consello Territorial de Galicia da Fundación Laboral da Construción, Ángel Fernández Presas, comprometeuse a que os nove canteiros terán unha saída laboral ao rematar o curso.

O Consorcio de Santiago está a traballar na actualidade no programa "A pedra que pisas", do que son froito iniciativas como a creación deste Obradoiro de emprego, a recuperación e estudo dos pregos históricos de intervención nos lousados, o programa de convenios coas Escolas Taller, o apoio á creación de cooperativas e as contratacións de actuacións a empresas.

Fundación Laboral da Construción

O Obradoiro de Emprego conta tamén co importante apoio da Fundación Laboral da Construción, que desenvolve as labores de xestión da formación e xestión do taller. Esta Fundación ten a súa orixe a finais de 1992 como fundación privada sen ánimo de lucro, creada polas entidades máis representativas do sector da construción: a Confederación Nacional da Construción (CNC), Metal, Construción e Afíns de UGT (MCA-UGT) e a Federación Estatal da Construción, Madeira e Afines de CC.OO. (Fecoma-CC.OO).

Entre os seus obxectivos destacan o fomento da formación profesional, a mellora da saúde e a seguridade no traballo, así como a cualificación do sector mediante medidas como a expedición da cartilla profesional.

Compartir: