POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

A Festa do Apego regresa mañá ao Auditorio con música, contos e obradoiros

29/12/2022 O Auditorio de Galicia acollerá mañá en horario de 12 a 14 horas e de 16 a 19 horas, a Festa do Apego. Dirixida ás crianzas de 0 a 6 anos e ás súas familias, trátase dunha excelente alternativa de ocio nestas datas de Nadal así como un espazo para compartir experiencias con outros pais e nais interesados na crianza en galego.

Esta nova edición da Festa do Apego, ofreceranse unha serie de propostas que afondan en valores como a dinamización da lingua galega, a educación en igualdade e o achegamento ás diferentes artes como a danza, a música, a narración oral, o xogo e as artes plásticas entre outras.

A entrada aberta e de balde ata completar a capacidade en cada unha das actividades da xornada:

Os bebés de 0 a 3 anos poderán achegarse ao mundo da música a través do espectáculo "Sons do berce", da compañía A Cova das Letras. Da man da actriz Cristina Collazo, os máis pequenos poderán experimentar diversas sensacións asociadas coa música, as formas, luces e cores.

A cativada tamén poderá gozar coa estrea do espectáculo "Silforiña" do grupo galego Golfiños e do concerto da mítica compañía Migallas Teatro que celebra o seu 30 aniversario na música infantil en galego e que porá o broche final á Festa do Apego. Este espectáculo contará con músicos de recoñecido prestixio e traxectoria como Xaquín Xesteira e Anxo Xesteira, de Treixadura, e Borja García e Isi Baúlo, que acompañarán a María Campos e a Carlos Yus no escenario.

Mamá Cabra, o grupo musical pioneiro na produción de espectáculos musicais para o público infantil ofrecerá a derradeira función do seu espectáculo "Paxaro amigo (músicas para a paz)", unha peza dirixida por Pepablo Patinho de Teatro Ghazafelhos e inspirado no libro de Mamá Cabra "A bruxa discordia". Trátase dunha proposta cargada de mensaxes que inciden en construír un mundo mellor e máis xusto.

Tamén haberá varias sesión de contos a cargo do Colectivo Noga: "Comerá o bebé?" de Cris de Caldas, para cativos entre 0 e 6 anos; e "Historias desde o outro lado da raia" de Dani Blanco, e "A pallasa Pallasini" de Olga Abad, para un público familiar.

A Festa do Apego tamén ofrecerá unha serie de obradoiros para todos os públicos: de danza tradicional, a cargo de Mercedes Prieto; de imprenta tipográfica, con Alouette Machine, ou un obradoiro de artes plásticas impartido pola artista Lúa Gándara.

Ademais, grandes e pequenos poderán experimentar cos xogos de mesa de Brazolinda e os xogos tradicionais de temática agraria de Paporrubio. O recibidor do Auditorio tamén acollerá varios espazos con mostras comentadas de recursos educativos para a igualdade, de Atlantic Ponte, e o portal Alí de material didáctico en galego que recolle contidos de interese para todas as persoas involucradas na educación das cativas e cativos: pais, nais, ANPAS, ludotecas, biblioteca. Fabaloba compartirá estes recursos coas familias en horario de 12 h a 14 h e de 16 a 19 h.

Documentos relacionados



Compartir: