EIXO ATLÁNTICO

As cidades do Eixo Atlántico implantarán un sistema de información xeográfico por internet

24/05/2005 A Comisión Delegada do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, da que é vicepresidente o alcalde compostelán, Sánchez Bugallo, reuniuse no Auditorio de Galicia co fin de implantar un Sistema de información Xeográfico nas cidades que forman parte desta organización.

Os concellos pertencentes ao Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular entrarán de cheo na axenda de innovación tecnolóxica ao implantar un Sistema de Información Xeográfico tecnolóxico, coincidente coa liña da Comisión Europea.

A implantación deste Sistema significa, ademais, introducir a toma de decisións rigorosa, non intuitiva, nos concellos, e a reforma e modernización das súas estruturas administrativas.

Na reunión de hoxe acadouse a unanimidade de todos os concellos, que ademais desenvolverán este sistema xunto á Consellería de Política Territorial da Xunta de Galicia. Deste xeito, será a primeira vez que se implante un sistema deste tipo, en rede, por concellos, nun ámbito transfronteirizo e conxuntamente todas as administracións.

A Comisión Delegada, que quedou formalmente constituída, volverase a reunir, previsiblemente, en setembro ou outubro deste ano, unha vez que se teñan noticias da aprobación ou non do proxecto por parte de Interreg.

Compartir: