ACCIÓN CULTURAL

Lembranza a Ánxel Casal cunha escultura que é "homenaxe, xustiza e democracia"

17/12/2022 Fronte a biblioteca que ten o seu mesmo nome, na Avenida de Xoan XXIII, Ánxel Casal, o que fora alcalde de Santiago de Compostela en 1936 volve a erguerse cunha escultura de bronce de 2 metros da artista arxentina Cristina Rommel. No acto de inauguración, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, quixo ratificar o compromiso do Concello coa memoria democrática.

"Cando Ánxel Casal tomou posesión como alcalde o 23 de febreiro de 1936 fíxoo reivindicando a súa lingua, a nosa. E fíxoo así porque ese era o seu compromiso, sen tutelas senón facendo valer a súa palabra" comezou Rosón que asegurou rotunda que "agora nós facemos valer a nosa e ratificamos o noso compromiso coa memoria democrática deste país e desta cidade. Nós, sen ningún eu, porque diso tamén vai a democracia".

A concelleira de Acción Cultural puxo en valor o traballo en materia de recuperación e visibilización de persoas senlleiras da cidade que se fixo nos últimos anos: "tamén Manuel María, Xohana Torres, Concepción Arenal, Isaac Díaz Pardo, Federico García Lorca, Exeria e María Miramontes ocupan agora un espazo visible na vía pública, acorde á súa pegada na historia". Anunciou ademais que o desde o departamento de cultura se está a traballar nun libro, coordinado por Antonio Míguez, sobre a historia dos alcaldes da República, "de todos".

No acto de inauguración estiveron representantes de tódolos grupos da corporación, e participaron tamén a autora da peza escultórica, Cristina Rommel, Felipe Ruiz, o sobriño neto de Ánxel Casal e Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia. O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo destacou o compromiso de Casal con Santiago e amosouse esperanzado de que, "con elementos cheos de simbolismo e reivindicación como este, as novas xeracións, saiban quen foi, que fixo e por que é merecedor desta homenaxe".

A artista explicou que a peza escultórica, de bronce de 2 metros de alto, foi feita en base a "cinco imaxes de diferentes períodos de Ánxel Casal, polo que foi complicado captar a súa identidade", nun traballo que durou 6 meses para a elaboración do deseño a través da técnica de moldeo a cera perdida.

Ánxel Casal Gosenxe

Nado na Coruña o 17 de decembro de 1895 foi fusilado en Cacheiras (Teo) en 1936.

Editor, político galeguista e alcalde de Santiago foi un dos precursores da expansión das ideas das vangardas que explosionaron na Europa dos anos 30, divulgando os valores do galeguismo rexionalista daquela época a través, pñrimeiro da súa editorial Lar, fundada con Carré Alvarellos e, sobre todo, coa editorial Nós, da que saíron importantes publicacións como A Nosa Terra e a Revista Nós.

Promotor das Irmandades da Fala, colaborador do Conservatorio de Arte Galega destaca pola súa labor política, cultural, empresarial e como docente de galego. Chega a Compostela en 1931 e chega á alcaldía en febreiro de 1936 coa victoria do Frente Popular o que se adherira o Partido Galeguista. Ademais, este cargo levaba aparellado os de vicepresidente da Deputación da Coruña e membro do Comité Central de Autonomía.

En 1936, co levantamento militar, foi fusilado vítima do franquismo.

Cristina Rommel

Licenciada en Artes Visuais pola Universidade Nacional de Artes, é escultora, artista plástica e restauradora. En 2009 ingresa como profesora de escultura da Escola Nacional de Belas Artes "Prilidiano Pueyrredon", en Arxentina. Multipremiada, recibiu no 2012 o galardón Salón Primavera no Centro Cultural CreARTE de Bos Aires. Tamén a súa traxectoria pasa por Italia, alí en La Polvarieda, participou no 2019 nun Seminario de talla en mármore coa técnica de Pantógrafo.

Desde hai varios anos vive en Galicia, nas Rías Baixas, onde desenvolve a maior parte da súa actividade artística. Tanto é así que nos próximos días inaugurará unha mostra en Vigo no Espazo Beny.

Compartir: