ALCALDÍA

A modificación puntual do PXOM para o antigo Peleteiro recolle unha gran praza pública de 1.395 metros cadrados

17/12/2022 O mércores someterase a votación plenaria a modificación puntual do PXOM para desbloquear a operación Peleteiro, coa que se abre un prazo de exposición pública do documento, e se suspende de xeito temporal a concesión de licenzas. Na proposta do Concello recóllese unha gran paza pública a un único nivel, como reclamaban os axentes sociais, orientada cara San Pedro de Mezonzo e cunha conexión con República Arxentina de 20 metros de apertura, converténdose esta na rúa máis ancha do Ensanche.

A reordenación proposta reduce considerablemente a superficie edificable total sobre rasante, que pasa de 23.500 metros cadrados a 19.900, incrementándose significativamente a capacidade de uso residencial, que se acompaña ademais da cualificación dun 20% con destino a vivenda protexida.

Unha operación que servirá para impulsar o Ensanche coa apertura dunha gran praza pública orientada cara San Pedro de Mezonzo de 49 metros de ancho, onde se ubicará ademais, unha zona verde. A isto, acompáñao unha apertura de 20 metros cara República de Arxentina, sendo unha rúa máis ancha que calquera outra do Ensanche.

Con esta actuación búscase completar a trama urbana rematando as partes inacabadas do tecido deste cuarteirón creado nos anos 50-60, procurando unha integración harmónica dos novos volumes na zona do Ensanche.

Garántese así a continuidade das aliñacións e alturas nas frontes e profundidades de contacto destas edificacións, coa posibilidade de que o volume maior -o que se ubica entre o número 13 de República Arxentina e o 31 da rúa de San Pedro de Mezonzo- estea dotado dun baixo, seis plantas e un ático retranqueado na parte de República Arxentina, e alcance as sete (con baixo e ático tamén), na zona de San Pedro de Mezonzo, aproveitado o desnivel existente para dar cabida ao volume edificable comprometido coa propiedade.

Deste xeito crearíanse dous volumes edificables, o primeiro xa explicado, e un segundo, de menor tamaño e en contacto coa traseira do número 15 de República de Arxentina. Ademais da parte residencial, con aproximadamente 150 vivendas e a gran praza pública, hai un espazo reservado para un centro de día e outro para uso comercial, no que se ubicaría un supermercado e unha cafetería.

Compartir: