PARQUES E XARDÍNS

Restaurada e iluminada, a auga volve correr na fonte de Vite

17/12/2022 A fonte situada na zona verde entre a rúa de Alexandre Bóveda e a Avenida do Burgo das Nacións en Vite, e que xa estivera con anterioridade na Praza Roxa, volve a levar auga tras unha profunda restauración pola que se recolocaron as pedras, impermeabilizouse a superficie, substituíuse o equipo de bombeo e instaláronse focos leds para a súa iluminación nocturna

"Recupérase un espazo para o desfrute da cidadanía" explicaba o alcalde ante os veciños do barrio. Xosé Sánchez Bugallo insistiu na necesidade de facer obras de mantemento "porque iso significa que as cousas perduran no tempo", e máis "nunha fonte como esta, que conta a historia dunha época desta cidade", pois trátase da fonte que se situaba na Praza Roxa a modo de rotonda, previamente a recuperarse como praza na que conviven actualmente peóns e vehículos.

Ao acto asistiron, ademais do alcalde, a concelleira de Parques e Xardíns, Mila Castro e o concelleiro de Obras, Gonzalo Muíños; así como representantes da asociación de veciños do barrio co seu presidente, Luis, á cabeza.

Compartir: