FACENDA

O orzamento de 2006 liquídase cun saldo positivo de case 8,8 millóns de euros

26/04/2007 O concelleiro de Facenda, Carlos Nieves, deu conta da liquidación do orzamento do ano 2006, que se pechou cun saldo positivo de 8.791.079 euros. Ao seu xuízo, estes resultados son "o exemplo do bo facer en termos financeiros" do Concello de Santiago.

Este resultado positivo baseouse "nunha conxelación do gasto e nunha boa política de cobros", apuntou Nieves. Neste sentido, recordou que esta maior capacidade recadatoria consistiu nun cobro máis eficaz das débedas e en ningún caso nunha maior presión fiscal.

O concelleiro tamén destacou a importante redución, nuns 7 millóns de euros do déficit na tesourería e que no 2006 fíxose efectiva a práctica totalidade das facturas xeradas este ano. "As débedas cos acredores durante este ano non pasaron dos dous ou tres meses, algo que da conta dunha imaxe de solvencia á hora de facer contratacións que non creo teñan moitos concellos", sinalou. Neste exercicio pasado o Concello pagou uns 120 millóns en facturas e débedas.

Esta política orzamentaria sitúase no marco do Plan de Saneamento Financeiro programado para o período 2004-2007. Este programa permitiu que dun remanente negativo de tesourería de 25 millóns de euros en 2004 se pasara unicamente a un de pouco máis de 11 millóns. Carlos Nieves anunciou que haberá que prolongar este Plan e que "probablemente en dous anos poidamos lograr un saldo cero".

Compartir: