ALCALDÍA

Máis de 600 directivos de Leroy Merlin reúnense en Santiago nunha xornada solidaria

26/04/2007 Un hábitat adaptado a todos. Baixo esta premisa, máis de 600 directivos da empresa Leroy Merlin desenvolveron en Compostela unha serie de accións de carácter solidario, no marco da súa Convención Anual.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, participou nalgunha das actividades desta xornada. En concreto, estivo no Parque de Europa, en Vista Alegre, onde a empresa instalou un parque infantil de integración, que permite o acceso aos nenos con discapacidade. Noutro parque, o do Paxonal, habilitouse un circuíto biosaudable, para favorecer o exercicio entre as persoas maiores.

O compromiso co medio ambiente tamén estivo incluído nas actividades de Leroy Merlin. Así, na entrada do Camiño francés, no exterior do Palacio de Congresos, realizouse a plantación de árbores autóctonas. Ao mesmo tempo, no monte de Padrón, traballouse na reforestación dunha zona afectada polos incendios forestais.

As actividades desenvolvéronse dende as 9:00 ata as 12:30 horas, Ás 13:00 horas, os máis de 600 participantes da Convención Anual de Leroy Merlin déronse cita na Praza do Obradoiro para pechar o programa da xornada.

Compartir: