PROTECCIÓN CIVIL

Adornos de nadal solidarios para as familias refuxiadas ucraínas

05/12/2022 Desde a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Santiago de Compostela púxose en marcha unha campaña para a recollida de árbores artificiais e adornos de Nadal para as familias refuxiadas ucraínas que hai na nosa cidade. Ata o 16 de decembro pódense entregar elementos decorativos do Nadal para que a maxia destas datas chegue tamén a estas familias. Poden achegarse á base de Protección Civil en Av. Fernando Casas Novoa, 20. Local 1 (Estadio de San Lázaro) chamando ao 689 499 690.

A iniciativa que se presentou no día do voluntariado chega froito de conversas con voluntarias que traballan coas familias ucraínas en Compostela. Logo de ter cubertas as necesidades de comida e agasallos, agora decídese dar un paso máis e pedirlle a unha cidade "solidaria por enriba de todo, un pouco máis de colaboración en forma de adornos de Nadal" explicou a xefa de Protección Civil, Begoña del Río.

Ata o 16 de decembro recolleranse árbores e adornos para doar ás familias ucraínas que, segundo a súa tradición, adoitan celebrar o San Nicolás o 17 de decembro e logo, o 7 de xaneiro, celebran o día grande destas datas.

O concelleiro responsable de Protección Civil, Sindo Guinarte, destacou a importante labor feito polos voluntarios na "acollida e traslado das persoas ucraínas que chegaron á nosa cidade fuxindo da guerra" e reivindicou esta iniciativa para "seguir amosando a solidariedade dos composteláns para que este pobo, pese á traxedia vivida, poida vivir con certa normalidade unhas festas nas que os máis pequenos deben ser os protagonistas".

Compartir: