XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica as obras de reforma do Salón de Plenos e as de pavimentación de vieiros en Villestro e Laraño

05/12/2022 A Xunta de Goberno local deu luz verde á adxudicación das obras de reforma do Salón de Plenos e de vieiros en Villestro e Laraño por algo máis de 168.000 euros, así como ao proxecto para eliminar as humidades no pavillón polideportivo do CEIP Pío XII. Entre os asuntos tratados tamén destaca a aprobación da primeira fase de subvencións en especie para a mellora da accesibilidade en promocións de vivendas do século pasado localizadas en barrios e áreas de rehabilitación integral, con cargo aos fondos EDUSI, por valor de 84.000 euros; e a concesión de varias subvencións nas ARRU de Casco Histórico e Vista Alegre por algo máis de 180.000 euros.

O contrato para a execución do proxecto básico de acondicionamento interior do Salón de Plenos do Concello foi adxudicada a José Manuel Neira Iglesias (Carpinteria Neira), que oferta unha proposición económica de 89.607,08 € (base impoñible de 74.055,44 € máis IVE do 21% por importe de 15.561,64 €) e unha ampliación do prazo de garantía a maiores do mínimo establecido nos pregos en 5 anos, por ser a súa oferta a máis vantaxosa.

Así mesmo, adxudicouse o contrato para a execución das obras de pavimentación de vieiros de acceso en Carlexo e A Gruñán (Villestro) e Outenín (Laraño), incluídas no POS+ Adicional 2/2021 da Deputación Provincial da Coruña, á empresa MOVIMIENTO DE ARIDOS Y CONSTRUCCIONES DE AROSA SL, por un importe total de 78.666,72 (Base impoñible: 65.013,82 euros, IVE do 21%:13.652,90 €).

No ámbito das obras, tamén se deu luz verde á aprobación do proxecto para a eliminación das humidades no pavillón polideportivo do CEIP Pío XII, redactado polo enxeñeiro industrial David López Mera, cun orzamento de execución material de 144.331,17 € e coas seguintes condicións: o orzamento máximo de licitación é de 238.551,68 € e o prazo de execución previsto é de 56 días naturais.

Aprobación das axudas para o uso do taxi

No ámbito dos Servizo Sociais, acordouse aprobar o gasto por importe de 2.173,20 € das axudas individuais para o uso do servizo de taxi como medio alternativo adaptado ás persoas con dificultades de mobilidade e que presentan limitacións para o uso do transporte colectivo no Concello de Santiago de Compostela, ano 2021.

Tamén a proposta da Concellería de Políticas Sociais, se aprobou o texto do convenio entre o Concello e a Asociación Compostela Solidaria para a implementación do proxecto educativo para persoas adultas "Escola de Segunda Oportunidade. Curso 2022-2023". Outro convenio que recibiu luz verde, neste caso a proposta de Educación, foi o relative ao financiamente o bacharelato internacional que imparte o IES Rosalía de Castro. O importe é de 6.208 euros.

Colocación de ascensores en edificios de áreas de rehabilitación integral

A Xunta de Goberno tamén aprobou a o procedemento de concesión da primeira fase de subvencións en especie para a mellora da accesibilidade en promocións de vivendas do século pasado, localizadas en barrios e áreas de rehabilitación integral. En total, esta liña de axudas conta cun orzamento de 970.900 euros, con cargo aos fondos EDUSI; dos que 84.000 se destinan a esta primeira fase.
En concreto, estes 84.000 vanse destinar á elaboración da documentación técnica preceptiva necesaria para intervencións e instalación de elementos que melloren a accesibilidade, como poden ser os elevadores. O prazo de presentación das solicitudes será de un mes contados a partir do día seguinte á publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

Segundo os informes da oficina de rehabilitación do Concello de Santiago de Compostela, poderían optar a estas axudas 199 edificios e 2.024 vivendas. Pertencen a 13 ámbitos, os cualificados como ordenanza 9A do PXOM: actuacións unitarias consolidadas (variante de vivendas colectivas) de mediados do século pasado correspondente a conxuntos edilicios residenciais orixinalmente de promoción pública. Constitúen tipoloxías de edificios sen elevador e sen unha adecuación térmica básica segundo os actuais estándares de confort.

Este programa de rehabilitación está incluido na "Estratexia de desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Santiago de Compostela" cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 nun 80% correspondendo o restante 20% á achega municipal.

Concesión de subvencións á rehabilitación

O executivo local tamén aprobou inicialmente subvencións para a rehabilitación por un importe total de 181.849,75 euros: 25.000 para unha vivenda en Belvís; 80.945,28 para vivendas situadas en Diego Peláez 1; e 75.903,93 euros para as do número 5 desa mesma rúa.

Documentos relacionados



Compartir: