CULTURA

Espello Cóncavo presenta "Zardigot", de Euloxio Ruibal

25/04/2007 O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, presentou "Zardigot", obra escrita por Euloxio Ruibal e que representará a compañía Espello Cóncavo. A representación teatral terá lugar no Teatro Principal o xoves 26 e o venres 27, ás 21:00 horas. O prezo das entradas será de 7, 5 e 3 euros, que se poderán adquirir alí mesmo en horario de mañá e tarde.

Néstor Rego indicou que se trata dunha obra "magnífica" que se estreou no 1974, despois de gañar o Premio Abrente un ano antes. "Zardigot" é unha denuncia social das guerras, co trasfondo da Guerra Civil española. Segundo explicou o titular de Cultura, é interesante rescatar esta obra "pola súa calidade e tamén polo intenso labor de recuperación da memoria histórica que se está a levar a cabo, e onde a cultura tamén xoga un papel importante".

Pola súa banda, o escritor da obra, Euloxio Ruibal fixo un eloxio da programación cultural de Compostela, "moi comprometida cos tempos de hoxe, e cun gran esforzo por levar á cidadanía obras con interese cultural e artístico". Respecto á adaptación feita por Arturo López, Ruibal dixo que se trata dun traballo "moi bo, que combina a modernidade e a actualidade pero no que queda moi ben reflectida a súa idea".

O director da representación, Arturo López, destacou que concibe a obra como "un alegato de todas as guerras partindo dunha guerra particular". Na súa opinión, o texto orixinal de Ruibal ten unha modernidade absoluta, tanto polos seus elementos teatrais como pola súa temática.

Compartir: