ALCALDÍA

O alcalde interésase pola situación da empresa Castrosua e confía en que a recuperación de usuarios do transporte urbano impulse o sector

03/12/2022 Nunha visita ás instalacións da carroceira Castrosua, o alcalde e o concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muíños puideron comprobar de primeira man os pasos que está a dar a empresa compostelá en materia de modernización "renovándose tecnoloxicamente e preparándose para o escenario que vén" explicou Sánchez Bugallo que se amosou confiado en que "a plena recuperación do mercado permita que, a empresa que agora está atravesando ese período de dificultades, poida saír cunha forza extraordinaria".

Esta semana Castrosua anunciaba un Expediente de Regulación Temporal de Emprego toda vez que a empresa entrou en perdas. A pesar deste momento de dificultades, a empresa segue dando pasos para mellorar a súa competitividade cunha aposta pola mobilidade de baixas emisións. Segundo avanzou o alcalde "están a traballar con socios tecnolóxicos chinos nunha oferta de autobuses con garantías", que van na liña dos vehículos eléctricos.

Sobre a recuperación de usuarios do transporte público, os datos de Santiago alcanzan o 100% respecto ao 2019 "sendo a cidade máis avanzada de Galicia neste sentido". Outros municipios similares roldan o 85 ou 90% "síntoma de que "algo positivo se está a facer en Compostela".

2023 é o horizonte que se baralla para alcanzar a recuperación plena en materia de mobilidade urbana a través do transporte público. Así, insiste o alcalde, que esa recuperación será "o motor para que Castrosua supere a actual situación manténdose como un dos motores económicos de Compostela".

Compartir: