XUNTA DE GOBERNO

Aprobada a licitación do mantemento e subministro de alumeado público exterior do Concello, que prevé un aforro eléctrico superior ao 50%

28/11/2022 A Xunta de Goberno Local deu luz verde á renovación de 11 buses de transporte urbano; e aprobou a apertura do procedemento de adxudicación do contrato de "Servizos enerxéticos e de mantemento, funcionamento e subministro do alumeado público exterior do Concello de Santiago", é dicir, o alumeado das rúas, prazas, e outros espazos públicos do municipio. O orzamento base de licitación deste contrato é de 49.984.582,31, IVE engadido, e contémplase por un período de dez anos.

Segundo explicou o alcalde na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, está previsto substituir uns 30.000 elementos, "actualmente temos aproximadamente unhas 28.000 farolas", e vanse incorporar algunhas máis. A previsión que hai, é que unha vez adxudicado, "no prazo de oito meses, se proceda á substitución de todas as luminarias que pasarían a ser leds. Actualmente as que son leds non chegan ao 10%". Polo tanto, resumiu Sánchez Bugallo, o obxectivo é que todas as luminarias pasen a ser leds, "as do centro, as dos barrios e as das parroquias", "con iso contamos cunha diminución do 50% do consumo, aínda que esperamos que as ofertas melloren esta reducción, situándoa por enriba do 60%".

Renovación buses

O executivo municipal tamén deu luz verde á renovación de 11 vehículos de transporte urbano. Nove deles están adscritos o transporte urbano colectivo de viaxeiros levado a cabo pola empresa Autobuses Urbanos de Lugo, S.A e TRAPSA, "cun prazo máximo de un mes para que entren en funcionamento. En principio, "tres estarían dispoñibles e seis veñen de camiño", informou o rexedor, que, engadiu que reforzarían "aquelas liñas que presentan máis problemas e nas que hai maior número de viaxeiros".

Os outros dous, substituirían a dous vehículos da liña 7 de San Roque-Aríns, prestada pola operadora Rías Baixas SL. "Dous buses novos, que poderían empezar a operar entre esta semana e a proximo", segundo avanzou Sánchez Bugallo. Ademais, apróbase a adscrición dun terceiro vehículo, con data de matriculación de 2016, como vehículo de substitución dos anteriores e sen custe algún para o Concello, para o suposto de que fose necesario.

Outros acordos

A Xunta de Goberno tamén acordou conceder ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, licenza para a construción dun edificio de 24 vivendas de promoción pública, con garaxes e trasteiros na parcela 4B2 da rúa do Castiñeiriño, 81, no polígono SUNP-13 de Santiago de Compostela, cun orzamento de execución material de 3.260.662,44 euros.

Por outra banda, aprobouse a apertura do procedemento de licitación das "Obras de rehabilitación de firmes de vías urbanas 2022", cun orzamento base de licitación con IVE de 458.811,10 euros. E o expediente de "Subministración e implantación dunha dobre barreira de seguridade (corporativa e perimetral) para o Concello de Santiago de Compostela cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea", abrindo o procedemento de licitación por 397.046,67 euros, IVE engadido.

Ademais, adxudicouse a "Subministración dun vehículo autobomba de primeira intervención para o servizo de extinción de incendios e salvamento do Concello de Santiago de Compostela" á empresa a Rosenbauer Española SA, por importe de 459.945,20 euros, IVE incluido.

Compartir: