FESTAS

"Tronará" por Santa Bárbara en Compostela cun espectáculo pirotécnico da man da Asociación Española da Pirotecnia

24/11/2022 A Asemblea Anual da Asociación Española de Pirotecnia (Aepiro) celebrarase este ano en Santiago de Compostela o sábado 3 de decembro. No marco desta reunión de traballo que escolle a capital de Galicia como escenario no remate do Ano Santo, Aepiro, en colaboración coa Asociación Galega de Industriais Pirotécnicos (AGIP), o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña, ofrecerá un espectáculo pirotécnico de case 10 minutos desde a Alameda ao remate da xornada.

O programa foi presentado en rolda de prensa polo concelleiro de Turismo, Festas e Ano Santo, Sindo Guinarte, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños. Tamén asistiron o vicepresidente de Aepiro e AGIP, Santiago López, e Arturo Penide, membro da Asociación, que destacaron que o espectáculo será "sorprendente e para tódolos públicos".

O lugar escollido será a Alameda, a partir das 21.00 h, e incorpórase como un reclamo máis na programación que dá inicio ao Nadal compostelán. Ademais deste espectáculo o sábado, o domingo haberá unha nova tirada de fogos, non con luz e cor como o sábado, senón ‘de ruído’. Será logo da misa que acollerá a Catedral con motivo da patroa do sector.

O concelleiro de Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, destacou que se trata "dunha proposta que animará máis aínda o arranque desta etapa máxica con luz e cor para os máis cativos e os que non o somos tanto". Tamén Sindo Guinarte fixo unha chiscadela a Santa Bárbara asegurando estar "moi contento por acordarnos de Santa Bárbara con este tronar". O concelleiro de Festas agradeceu ás asociacións que escolleran Compostela para este evento que se suma á ampla programación de Nadal "co Mercado da Estrela, obradoiros para as crianzas ou a cabalgata dos Reis Magos".

Compartir: