CONSORCIO

"Santiago dC" amosa a relación entre o proxecto urbano de Compostela e a súa memoria

25/04/2007 O Consorcio de Santiago celebra o seu XV aniversario cunha nova exposición, "Santiago dC", que estará no Banco de España ata 30 de novembro de 2007. A mostra recolle un bo número dalgunhas das mellores fotografías antigas da cidade, combinadas con outras que amosan a cidade actual e a súa evolución.

"Santiago dC" presenta "o proxecto urbano de Santiago en relación coa memoria", apuntou o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva, nunha visita á exposición acompañado do presidente do alcalde e do presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, e do comisario da exposición, Manuel Blanco.

A colocación das fotografías, suxeitas no aire con arames que van do teito ao chan, quere transmitir a imaxe "dun Santiago que flota no aire", apuntou o comisario, para o que a cidade é "un dos puntos máxicos do mundo". As estampas antigas combínanse, nas fiestras do antigo Banco de España, con grandes fotografías do cinto verde da cidade, que contribuíu a facer de Santiago "unha das cidades máis apreciadas de Europa pola súa calidade de vida".

O título da exposición, "Santiago dC", afirmou Blanco, pretende aludir tanto a "Santiago de Compostela" como a "Santiago Distrito Capital". Trátase, como indica Xosé A. Sánchez Bugallo, de que o Banco de España se converta nesta ocasión "noutra cidade dentro da cidade, nun espazo de reflexión que, dende o pasado, nos leva cara o futuro".

Compartir: