CONSORCIO

Quince anos do Consorcio de Santiago: o balance dun éxito

25/04/2007 Cando se van cumprir quince anos dende o primeiro Consello de Administración do Consorcio de Santiago, alá polo 28 de abril de 1992, esta entidade fai balance do seu traballo. Por iso sae á luz o estudo "Avaliación das Políticas Públicas do Consorcio de Santiago (1992-2006)".

O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou este informe que é, segundo dixo, "o balance dun éxito". Recordou o "papel decisivo" do Consorcio nas políticas de rehabilitación do Casco Histórico e indicou que sen el "sería imposible explicar a transformación da cidade".

Sánchez Bugallo recordou as distintas etapas polas que pasou o Consorcio, dende a primeira, con grandes obxectivos e investimentos, a unha segunda na que tocou pagar o gran endebedamento xerado. Agora, dixo, "o Consorcio pode plantexarse de novo obxectivos cobizosos cun maior equilibro orzamentario". "O Consorcio de Santiago é a referencia para tódolos consorcios", concluíu.

Nesta mesma liña pronunciouse o xerente da entidade, Xosé Manuel Villanueva, quen apuntou que o estudo non pretendeu "facer un mero reconto, senón unha avaliación do efecto da actividade o Consorcio". Desta análise xurdiu unha publicación "crítica e valorativa" con máis de 300 páxinas, con información recollida de 19 institucións, de expertos e dos propios composteláns.

"Frutífera" actividade

Segundo indicou o director do estudo, Jesús Varela, profesor da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e do Usuario da USC, o informe analiza ata 107 indicadores, que reflicten a "frutífera" actividade do Consorcio. Foi, dixo, "un perfecto catalizador de esforzos das tres administracións para recuperar o patrimonio histórico-artístico e dotar á cidade de novas infraestruturas e servizos".

Para Jesús Varela, a creación do Consorcio serviu para "situar á Cidade de Santiago e, especialmente, no seu Casco Histórico, nunha situación de privilexio á hora de competir nese novo escenario de cidades globais nos albores do século XXI". As opinións de expertos e dos propios composteláns indican que o Consorcio "soubo erixirse como un auténtico motor das políticas de protección patrimonial e dinamización turístico-cultural da cidade de Santiago".

Directrices de futuro

O estudo tamén fala do futuro e apunta as directrices da actuación da entidade para os vindeiros anos. Un enfoque funcional das políticas de rehabilitación, a extensión da posta en valor da zona histórica aos barrios tradicionais, políticas de cooperación cos municipios limítrofes, un plan de prevención e seguridade para o Casco Histórico ou a revisión do Plan Especial son algunhas das recomendacións.

Tamén se suxire un compromiso ca renovación do modelo turístico e que o Consorcio explique perfectamente aos cidadáns o modelo de cidade que se pretende, de tal xeito que se reforce á vez o sentido de pertenza á cidade dos composteláns. "O Consorcio ten un lugar de privilexio na mente dos cidadáns pola súa capacidade para cumprir os obxectivos", afirmou Jesús Varela.

Compartir: