CENTROS SOCIOCULTURAIS

Recepción aos participantes na xornada de Kaleidos.red sobre a Axenda 2030, que se celebra mañá en Santiago

14/11/2022 Santiago de Compostela acolle mañá a xornada "Comunicar e implicar á cidadanía na Axenda 2030. Novas narrativas e linguaxes", organizada pola Fundación Kaleidos.red, da que forma parte o Concello de Santiago. Os actos comezaron este mesmo serán cunha recepción ao Padroado da entidade presidida polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo.

O obxectivo da xornada, que se desenvolverá na Casa das Asociacións de Cornes, é analizar o desenvolvemento de políticas e estratexias de promoción da participación cidadá e de voluntariado, no marco da Axenda 2030. Nela exporane experiencia que, desde diferentes perspectivas, situacións e visións, buscan implicar á cidadanía e ampliar os espazos cívicos; así como "recuperar a dimensión cívica da dimensión cidadá, con "dereitos e deberes" coa contorna, cos demais, co planeta e coas xeracións futuras".

Segundo explica o programa, "deberíase concretar nunha ampliación de espazos cívicos de deliberación, construción compartida e transferencia de coñecemento e experiencias. En definitiva deberíase tratar de xerar un Gran Acordo de sociedade para un desenvolvemento sustentable. Un Gran Acordo que puidese xerar unha proposta de medición do progreso e do benestar máis aló do PIB".

Para iso, sinala o documento, é imprescindible xerar novas narrativas, linguaxes e estilos que incidan sobre feitos, realidades, accións…, centrando a comunicación no tanxible, no visible e nas medidas concretas que afectan ao día a día da cidadanía. "Reflectir os avances, progresos e transformación que producen políticas concretas na calidade de vida da cidadanía e establecer mecanismos de consulta na toma de decisións e no deseño das medidas a ser adoptadas", subliña.

A Fundación Kaleidos.rede é unha organización de referencia nesta materia que, agrupando entidades locais españolas, leva traballando nestas cuestións desde o ano 2000. Actualmente os Municipios motores desta Rede son Santiago de Compostela, Alacante, Bilbao, Xetafe, Málaga, Sant Boi de Llobregat,Valencia e Vitoria-Gasteiz. Neste momento, a presidencia da entidade osténtaa o Concello de Sant Boi de Llobregat. En representación deste municipio barcelonés estaba presente José Ángel Carclén, concelleiro de Axenda Urbana e Proxectos Estratéxicos.

Ademais do alcalde, á recepción asistiron, en representación do Concello de Santiago, os concelleiros de Acción Cultural, Mercedes Rosón; de Barrios e Obras, Javier Fernández; e de Educación, Rubén Prol; os portavoces do PP local, José Antonio Constenla e do BNG compostelá, Goretti Sanmartín; así como a edil de Compostela Aberta, Marta Lois.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: