TRANSPORTE E MOBILIDADE

O Concello alugará unha decena de autobuses para mellorar o transporte urbano

14/11/2022 Once autobuses, a maioría novos, e alugados a través de leasing, é a solución provisional coa que o Concello quere mellorar o servizo de transporte urbano á espera de que saia o novo contrato. Unha solución que se canalizará a través do actual operador, e coa que empezarían a circular en menos de dous meses en substitución dos vehículos máis antigos.

O concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muíños, explicou a solución na que se está a traballar logo de moitas reunións "que se intensificaron, máis aínda, no último ano" e dun Consello de Administración de Tussa, no que se deu conta da situación actual da flota urbana. Unha flota que, "aínda envellecida, non dista da media estatal". Muíños explica que "mentres a flota de Santiago ronda os doce anos e medio, a media estatal sitúase nos once", mais insiste en que "o importante é ofrecer, no menor prazo posible, unha solución para que a veciñanza conte cun servizo de transporte acorde as súas necesidades".

O leasing é a fórmula escollida, con 11 vehículos que darán o relevo a aqueles vehículos que presenten maiores problemas, aínda que actualmente "todos contan coa súa ITV e son revisados ao remate de cada xornada" polo que "todos os que están circulando, están en condicións de prestar o servizo de transporte público" recalca o concelleiro.

Será nun prazo dun mes ou mes e medio, cando comezarán a circular os autobuses alugados, a meirande parte deles "completamente novos". Unha solución provisional que busca mellorar o servizo no inmediato, mentres se espera a saída da nova licitación que está "no seu último chanzo en Madrid" para poder saír o concurso.

Compartir: